Os traballos preventivos na parte inferior do viaduto buscan frear a deterioración da estrutura. O acceso ao monumento farase polo camiño tradicional de pedra.

O Concello de Catoira procederá a partir deste luns ao peche do paso situado baixo a ponte interprovincial para facilitar o desenvolvemento de labores básicos de mantemento e conservación na parte inferior da estrutura.
As inspeccións previas detectaron algúns descascados no formigón e elementos de alivio de pluviais que presentan un estado de conservación deficiente. Ante esta situación, a Deputación de Pontevedra programou unha intervención de urxencia de carácter preventivo «para evitar que os problemas vaian a máis».
As obras que se levarán a cabo inclúen a instalación de novos tubos de desaugadoiro e dun goteirón, xunto coa reparación e saneamento dos esfolados localizados nas pilas e nas vigas do viaduto. Esta actuación constitúe unha primeira fase de conservación, coa previsión de continuar os labores durante o vindeiro ano, exercicio no que se prevé abordar o pintado e outras intervencións de mellora integral.
Aínda que a zona xa conta na actualidade cun pivote e unha cadea que impiden o tránsito rodado, os traballos reforzarán a seguridade coa colocación de sinalización informativa que advertirá da prohibición expresa de paso a calquera persoa allea ás obras.


