A peza para banda, obra de Antonio Hernández Carmona, percorre a lenda do poeta medieval e incorpora trazos sonoros de Galicia e Andalucía
O cuarto movemento estreouse durante a apertura das XXII Xornadas Medievais, coincidindo co primeiro ano de irmandamento entre ambas vilas

O municipio andaluz de Arjonilla quixo selar o seu vínculo histórico con Padrón a través da música co agasallo do poema sinfónico Macías o Namorado. A composición, asinada polo músico arjonilleiro Antonio Hernández Carmona, foi concibida para banda e percorre a traxectoria lendaria do trobador medieval. A presentación do seu cuarto movemento serviu de peche á inauguración das XXII Xornadas Medievais dedicadas á figura do poeta, nun acto encabezado polos rexedores de ambas vilas, Luis Miguel Carmona e Anxo Arca.
A partitura deseñouse co obxectivo de que as formacións musicais dos dous municipios poidan sumala aos seus repertorios habituais, servindo de ponte permanente entre os dous territorios. O seu autor definiuna coma «unha ponte entre a terra onde naceu Macías e a terra onde atopou o seu destino», co desexo de que perdure na memoria colectiva de ambas vilas.
Pola súa banda, o alcalde de Arjonilla subliñou a vocación de «seguir fortalecendo os lazos que unen ambos municipios», mentres que o rexedor padronés, Anxo Arca, incidiu no valor da cooperación fronte á división: «Nun momento no que predomina o enfrontamento e a polarización, Padrón e Arjonilla somos dous pobos capaces de destacar e resaltar o que nos une para buscar obxectivos comúns que redunden en beneficio da nosa cidadanía».
A sesión inaugural fusionou as tradicións de ambos pobos cunha montaxe que intercalou versos de Rosalía de Castro e de Antonio de Jaén —poeta local do que se conmemora o centenario— xunto con pasaxes sobre a vida de Macías. A cantante María López Segade sumouse á interpretación do movemento estreado.

A viaxe institucional da delegación galega coincidiu tamén co primeiro aniversario do irmandamento oficial entre Padrón e Arjonilla, cuxo nexo central é o propio Macías, trobador nado na vila coruñesa e falecido na localidade xienense. Tras a recepción oficial na casa consistorial, os mandatarios protagonizaron unha ofrenda floral ante a estatua erixida no castelo onde morreu o escritor. O acto completouse coa entrega dun texto conmemorativo a cargo do poeta Antonio Cortés Montero e a interpretación dos himnos de Galicia e Arjonilla.
A axenda da fin de semana incluíu a participación da comitiva na tradicional rolda trobadoresca e no desfile polas rúas da localidade andaluza, así como a inauguración oficial por parte de Anxo Arca do novo establecemento hostaleiro La Posada el Trovador.




