A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública do Babanza segue en pé de loita, lembrando (onte e hoxe) que “a sanidade pública deféndese tamén na rúa”. Fíxoo con novas concentracións en Ribeira e Aguiño convocadas pola propia Plataforma e pola veciñanza e apoiadas por agrupacións políticas como (unha vez máis) o Bloque Nacionalista Galego de Ribeira.
A Plataforma puxo de manifesto a necesidade de cubrir os baleiros de persoal e as ausencias que se perpetúan nos dous centros de saúde.
Dende o grupo nacionalista explicaron que “non é normal ter que agardar días ou semanas para conseguir unha cita. A Consellaría de Sanidade non cubre baixas, nin vacacións do persoal, deixando os centros de saúde ao límite e aumentando as listas de agarda. En Aguiño, por exemplo, a falta de cobertura dunha baixa de longa duración leva moitos meses provocando importantes dificultades para acceder á atención médica”.
O BNG local, a través do seu voceiro Luís Pérez Barral, sinalou tamén que “estará sempre ao lado da veciñanza e do persoal sanitario, reclamando unha atención primaria con medios, profesionais suficientes e capacidade para atender á veciñanza con dignidade”.




