
Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros do Ribeiro do Avia (UCRA).No Manifesto fundacional denunciaban a chegada a Galicia de uvas foráneas que afectaban ao cultivo das autóctonas, e que producían un viño matute de escasa calidade. Os matuteiros, afirmaban os asinantes do Manifesto, “son os responsables do decreto no mercados do viño do Ribeiro e da competencia que arruína as nosas economías”.
A UCRA apelaba na súa declaración dirixida aos galegos de ben, entendendo por tales, aqueles que consideraban que Galicia tiña unha economía ameazada por produtos producidos noutras latitudes xeográficas, empurrando a xente á miseria e á traumatizante emigración. Nun parágrafo do Manifesto chamaban aos consumidores a estableceren unha rede de complicidades sociais así: ”Por onde vaiades convertédevos en propagandistas incansable e fervorosos dos nosos viños. Gabádeos en canto valen e reclamádeos sempre na fonda que vos serva de hospedaxe, no restaurante a onde viades xantar, na taberna onde vos vexades citados e no café de onde sodes clientes. Pensade que ao defenderdes os produtos da nosa terra, que estades a defender o pan dos nosos veciños, os intereses dos nosos amigos e a gloria e a fame do noso país”.
No Manifesto da UCRA observamos un discurso novidoso para aquela altura: mellorar a elaboración dos nosos produtos, identificalos coa terra onde se dan, e atopar nos consumidores a lealdade necesaria para crearmos un economía de noso. Moitas décadas despois, hai vintecinco anos, o Foro E. Peinador recolleu o espírito daquela iniciativa asociativa tronzada pola sublevación militar de xullo de 1936, e lanzou varias campañas para demandar dos consumidores máis conscientes, e mesmo dos que non o son, pero que o discurso galeguizador é ben recibido, para impedirmos o abandono das nosas explotacións agrícola por mor da agresividade dos mercados onde os produtos foráneos compiten cos nosos. En Galicia pechan de media entre 300 e 500 explotacións lácteas ao ano. E no que fai ás adegas, a cifra tamén é considerable.
A Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros, integrada no Foro E. Peinador, promoveu inxente cantidade de iniciativas, todas elas frutíferas, que deron pé a que as etiquetas dos nosos produtos estean redactadas en lingua galega en centos de marcas comercias. Unha transformación de enorme importancia para a pervivencia do noso idioma, alén dos espazos literarios que cada vez son menos decisivos para manter viva a nosa identidade cultural.
A “Carta do Consumo Reponsable e Solidario” publicada polo Foro E. Peinador e a Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros apela á necesaria solidariedade da sociedade galega con este razoamento incuestionable: “Por iso, cando eliximos os produtos a consumir, temos a opción de escoller aqueles que están a manter a economía sostible e que xeran riqueza, valor engadidos e emprego de proximidade, ao tempo que axudan a manter viva unha cultura e unha lingua”.
Para incentivar a galeguización dos nosos produtos creáronse os Premios Bacelos de Prata. O próximo día 3 de outubro, na Casa Grande dos Ulloa,onde foi constituída a UCRA, e ten a sede a Asociación Álvaro das Casas, que concede tales galardóns, serán honrados con senllas distincións:
GRANXA ARQUEIXAL “polo seu compromiso coa lingua galega, coa cultura rural e coa preservación do territorio, facendo do galego unha parte natural da etiquetaxe, da comunicación e das experiencia de agroturismo que promove.
ADEGAS E VIÑEDOS LAREU, S.L. “ en recoñecemento a súa fidelidade á lingua galega ao longo dunha dilatada traxectoria empresarial, incorporándose con normalidade á etiquetaxe dos seus viños, á súa imaxe corporativa e á comunicación da Adega”.
O consumo preferente dos produtos galegos que se identifican coa lingua galega , deben ser obxecto de preferencial agradecemento polos que sentan arredor dunha mesa co gallo de calquera celebración gastronómicas. A proximidade das festas do nadal poden ser un bo exercicio para dar comezo a un consumo responsable e solidario coas empresas que se identifican cos valores patrimoniais da nosa Terra. Cómpren máis adhesións para esta proposta xusta.
Xosé González Martínez é presidente do Foro E. Peinador.



