
O Centro Arqueolóxico do Barbanza (Neixón, Boiro) vai acoller este sábado 26 de setembro un obradoiro de cerámica castrexa para persoas adultas. Desenvolverase en horario de mañá e de tarde. de 10.30 a 14.00 e de 16.30 a 19.00 horas.
Ao longo desta xornada práctica, as persoas participantes mergullaranse na tradición cerámica da Idade do Ferro. Empregando técnicas tradicionais de creación cerámica, terán a oportunidade de modelar e decorar unha peza inspirada nos motivos e formas propios da cultura castrexa.
Como colofón, cada creación será cocida posteriormente nas instalacións da Fundación Terra Termarum, permitindo ás persoas asistentes levar o cacharro que elaboraron durante a actividade: unha lembranza única da experiencia.
O obradoiro será impartido por Sandra Obarrio Fernández da Fundación Terra Termarum Castrolandín.
O aforo será de 12 persoas.
Inscrición na web centroarqueoloxicodobarbanza.org. Tamén se pode facer a través do código QR do cartaz.



