O Concello de Outes deu un paso definitivo para a materialización do futuro centro residencial destinado á atención da terceira idade no municipio. O Goberno local vén de formalizar a súa adhesión oficial ao novo proxecto de atención aos maiores aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, un trámite necesario para iniciar as actuacións e os procedementos administrativos necesarios.
Esta adhesión ratifica a elección de Outes como un dos municipios de referencia na zona de Noia e Barbanza para albergar este servizo asistencial de proximidade.
Fontes do Concello explicaron que “grazas á planificación urbanística previa e á xestión previsora do Goberno local na reserva de parcelas operativas, Outes xa dispón do solo necesario para cumprir de forma inmediata cos prazos de posta a disposición dos terreos esixidos pola administración autonómica; e este factor resulta clave para evitar arasos e axilizar o inicio das obras”.
O Concello engade que “o proxecto destaca polo seu marcado carácter social, xa que o plan autonómico establece que, como mínimo, o 60% das prazas do novo centro residencial serán de titularidade pública autonómica”.
Ademais de garantir un coidado de calidade e proximidade para os nosos maiores, a construción e posta en marcha desta infraestrutura “actuará como un importante motor de dinamización económica para Outes, xerando emprego directo e indirecto e fixando poboación no territorio”, apuntaron dende o Goberno municipal ao tempo que amosaron a súa “máxima satisfacción” ante a formalización deste logro estratéxico, que supón, nas súas palabras, “un avance histórico no reforzo do benestar social e da estrutura de servizos públicos do concello”.

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e o alcalde Francisco Calo



