O músico mozambiqueño Cheny Wa Gune estará este sábado 26 de setembro en Rianxo no marco das celebracións do 10.º aniversario do pasamento de Fran Pérez “Nar”, co patrocinio da Deputación da Coruña. A cita será ás 20.30 horas no Auditorio Municipal, e será un concerto para todos públicos. As entradas pódense adquirir de balde na billeteira ata completar a capacidade do aforo.
Cheny Wa Gune é un recoñecido músico multi-instrumentista de Mozambique, amplamente considerado un dos grandes mestres contemporáneos da m’bila (un xilófono tradicional do pobo Chopi, declarado Patrimonio Inmaterial da Humanidade pola UNESCO). A súa proposta musical fusiona os ritmos e instrumentos ancestrais do seu país con sonoridades modernas como o jazz, o afrobeats e a música experimental.
Cheny ten un estreito vencello con Galicia. De feito, colabora activamente no proxecto De Zemambiquo a Zigala xunto ao colectivo galego A Pedreira (Uxía e Sergio Tannus). Esta colaboración nace como unha homenaxe e continuación da histórica viaxe transoceánica e de intercambio cultural que iniciou no seu día o lembrado músico galego Fran Pérez “Narf” coa música de Mozambique.




