Os concellos da Ría da Estrela (ría de Muros e Noia) comezan o outono reivindicando a gastronomía, a natureza, as tradicións, o bo tempo e a tranquilidade da comarca neste outono que comeza. O seu obxectivo é converter a ría nun dos xeodestinos galegos que mellor soubo desestacionalizar a súa oferta e que máis estendeu o seu período de bonanza turística.
“O outono acabará sendo tempada alta na Ría da Estrela”. Son palabras de Luis Oujo, presidente da asociación de concellos, ante as boas expectativas que manexan empresas, asociacións, profesionais e entidades que conforman este xeodestino e que manteñen unhas altas expectativas de negocio para a estación que acaba de comezar.

“Se hai uns anos diciamos que a nosa ría era unha das zonas costeiras de España cunha estacionalidade turística máis marcada e que só contabamos cunha tempada alta, entre a metade de xullo e as tres primeiras semanas de agosto, agora a situación mudou totalmente”, explica o alcalde do Porto do Son, salientando o importante traballo despregado na ría coas asociacións, empresas, profesionais e entidades para “poñer en valor os recursos e atractivos deste xeodestino”.
“Os distintos traballos de promoción realizados a través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino da Ría de Muros Noia, o desenvolvemento da hostalería e as empresas locais cara a conceptos máis actuais e a súa coincidencia cos novos desexos dos visitantes son tres aspectos decisivos que explican este cambio”, sinala Luis Oujo.

Gastronomía de tempada e quilómetro 0
Os concellos da comarca destacan tamén a vertente culinaria e hostaleira: a gastronomía (en especial o marisco e os produtos naturais quilómetro cero), unida a unha rica natureza (perfecta para gozar de paseos e roteiros de sendeirismo) e unhas temperaturas suaves que convidan a perderse lonxe das aglomeracións do verán, descubrindo lendas e tradicións locais, sitúan este outono como unha época excepcional para visitar a Ría da Estrela. Algo ao que hai que engadir a eclosión do Camino da Ría de Muros Noia, que encheu de peregrinos as rúas da Ría da Estrela durante todo o verán.

Así o confirma o sector hostaleiro local. “O outono ten todos os argumentos: ábrense os principais bancos marisqueiros, sobre todo berberecho e ameixa. Segue aberta a nécora e proximamente o santiaguiño, escaso pero exquisito, e agardamos como de costume á campaña da ostra de fondo. Todo de quilómetro 0, das nosas lonxas!”, apunta José Suárez, do restaurante Pepe do Coxo (Outes), adaíl dos produtos da ría.
Unha apreciación que comparte Fernando Rodríguez, propietario do restaurante O Secadeiro (Outes) cunha cociña moi persoal e que toma os produtos directamente da súa horta. “O outono é un dos momentos máis interesantes para achegarse á Ría da Estrela tamén desde o punto de vista gastronómico”, explica Fernando Rodríguez, engadindo que “estamos nunha época de transición especialmente rica para a horta: aínda conviven algúns dos produtos que marcaron o final do verán, como tomates, pementos, berenxenas, cabaciñas ou fabas, con outros que empezan a anunciar o cambio de estación, como as cabazas, os allos porros, as verzas e as distintas hortalizas de folla. Esa coincidencia fai que durante unhas semanas a despensa sexa especialmente ampla e que as cociñas poidan traballar cunha enorme diversidade de produto local. Non se trata unicamente de ter máis ingredientes, senón de atopalos no momento no que realmente pertencen ao territorio e á tempada”.

Riqueza natural
Pola súa banda, Carmen Priegue, do Hotel Atmos (Outes), defende que o outono “é unha das épocas máis bonitas para vir. A nosa localización, completamente integrada na natureza, fai que esta estación sexa vivida dunha maneira moi especial: o bosque cambia de cor, a luz é diferente e a tranquilidade da contorna convida a desconectar de verdade. Moi preto temos ademais o río Tambre, que nesta época do ano ofrece unha paisaxe espectacular e é perfecto para gozar de paseos e roteiros de sendeirismo. Para nós, vir a Atmos no outono é precisamente iso: regalarse uns días de calma, natureza e tempo para gozar da contorna sen présas”.
Unha visión similar á de Víctor Bello, da empresa Rent Ebike Noia, para quen “o outono é a época perfecta para descubrir a ría de Muros Noia sobre dúas rodas: as temperaturas suaves convidan a pedalear sen présa e as paisaxes transfórmanse con luz dourada e tons cálidos. Desde Rent Ebike Noia vemos como esta tempada regala aos ciclistas itinerarios costeiros e carreiros tranquilos, lonxe das aglomeracións do verán. É o momento ideal para alugar unha bicicleta eléctrica, percorrer ao teu ritmo a costa e conectar de forma directa coa autenticidade e a natureza da ría”.
Finalmente, Paula Alonso, desde a súa empresa Noia Sancosmeira, sinala que “como guía local e noiesa, para min o outono é un dos mellores momentos do ano. Hai menos présa e moito historias que contar, podemos achegar aos visitantes e aos veciños espazos da nosa vila desde outro enfoque, por medio de visitas guiadas a pé. E hai un momento que convida especialmente a falar de lendas, misterio e tradicións: a ponte de Todos os Santos. Por iso, este outono destacamos o roteiro A Noia do Misterio, un percorrido nocturno no que a historia, a tradición oral e as lendas locais que forman parte da nosa identidade mestúranse para percorrer unha Noia moito menos coñecida”.



