
As veces que temos falado, Carmen, causáchesme unha excelente impresión pola seriedade, profesionalidade e rigor.
E xa que agora deixas o periodismo activo e pasas á Deputación a levar temas de comunicación, quero felicitarte – dicía Curros: Cando vi vas para lonxe e eu vou para vello – pola decisión tomada, aínda que agora non supoña os rigores doutros tempos.
Eu tomei similar decisión hai corenta e tres anos, e ao ser o primeiro no que moitos pensaron que era unha deserción, someténdose ao poder político, chovéronme chuzos de todas partes, aínda que nin sequera comezara o outono.
Ninguén entendeu que Vicente Quiroga quixera abrir o concello á información, vestir de cultura as festas, comezar un tempo novo para o novo Lugo que el soñaba, e xa que el antes de ser alcalde foi presidente de Fonmiñá, e eu vicepresidente, botou man de min.
Aínda hai amigos que me tildan de facha por ter traballado cun alcalde daquela do PP, co que organicei máis de mil actos culturais.
Non lles gustaba nada – arquivo absolutamente todo – empezando polo nome do meu cargo de Xefe do Staff de presidencia, os resumes de prensa, as moitas horas de traballo, os resultados. Corenta e tres anos despois, estou de volta, os que e roían perderon os dentes e podo, Carmen, felicitarte por esa decisión túa, para demostrarlles que se agora vas facer un traballo institucional – claro que nas institucións gobernan os partidos – poderás volver coa fronte alta, cando ti queiras, á batalla diaria de explicarnos aos lucenses as cousas que pasan, por que pasan e quen está detrás das cousas que pasan. Que desfrutes co posto, que agora alomenos as augas da prensa están bastante calmas.




