
Máis de 3.300 ribeirenses de infantil e primaria regresan hoxe ás aulas para afrontar o curso académico 2026-2027 e o Concello de Ribeira fixo un investimento de 70.000 euros nos nove centros educativos públicos. A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e a concelleira de Educación, Nucha Brión,
visitaron hoxe o CEIP de Frións para dar a benvida aos 214 estudantes deste colexio na compaña da súa directora, Josefa Otero.
A rexedora destacou “a mellora das instalacións educativas para a atención dos nenos e nenas e persoal docente e non docente por parte da brigada municipal de Obras” e máis “a contratación de empresas externas; grazas ao incremento da partida nun 60% respecto ao inicio do curso anterior”.
Algunhas das máis salientábeis, segundo a rexedora, “son a renovación dos baños de Olveira, a accesibilidade de Deán, o acondicionamento da pista infantil de Frións e o pintado do colexio de Artes”. Tamén se actuou en fiestras e portas, reparación de humidades e fontanería, elaboración de mobiliario ou reposición de area, entre outras cuestións.
Sampedro tamén avanzou que nesta semana comezou a actuación para a posta en marcha do ascensor na escola de Olveira e que se continuará con máis intervencións.




