
Este venres 11 de setembro a iniciativa FalaRedes (Secretaría Xeral da Lingua da Xunta) vai levar a Padrón, á praza de Macías, un espectáculo familiar de de K’Paparota Teatro. Será a partir das 19.30 e con entrada libre. Trátase da sesión para a rapazada Latexos.
K’Paparota Teatro chega este outono por primeira vez ao FalaRedes cunha orixinal proposta dirixida a nenos e nenas a partir de tres anos e ás súas familias. Trátase dun espectáculo en clave de humor, protagonizado por Patricia Cameán, en que, a través de obxectos de mesa e monicreques, os cativos e cativas da casa poden mergullarse na maxia das lendas galegas. Xentís, trabes soterradas e cabalos capaces de dar saltos incribles acompañaranos nunha viaxe chea de fantasía que os levará, se son quen de non perder o rumbo, a atoparen os marabillosos pitiños de ouro.




