Porto do Son prepárase para celebrar as súas Festas do Carme do 7 ao 11 de setembro

06 Setembro 2026

A localidade de Porto do Son xa ten todo a punto para as súas tradicionais Festas do Carme, que se celebrarán entre o luns 7 e o venres 11 de setembro cunha ampla programación relixiosa, gastronómica e musical.

Os festexos arrancarán o luns 7 coas alboradas de Canlebó e a saída dos cabezudos “Os Viqueiras de Ordes”, que acompañarán a comitiva ata a Praza de España. Alí, o recoñecido cardiólogo José Ramón González Juanatey será o encargado de ler o pregón ás 13:30 h. A noite rematará coa música da orquestra Capitol e unha discomóbil.

O martes 8, día grande na honra á Virxe do Carme, terá lugar a saída procesional desde a Capela da Atalaia cara á explanada portuaria, onde se oficiará a misa solemne. A continuación, celebrarase a emotiva procesión marítima con ofrenda floral polos falecidos no mar e a tirada de fogos. O serán estará amenizado polas formacións Olimpus e Banda de Ayer.

As celebracións continuarán o mércores 9 coa Virxe do Loreto, xornada que incluirá misas durante todo o día na súa capela, a tradicional sardiñada amenizada por Paco de Leña, o concerto de Alana na Praza de España e a verbena con Origen e discomóbil.

O xoves 10 estará adicado a San Roque, con misa solemne na Capela da Atalaia e unha noite de baile a cargo de dúas das formacións máis destacadas de Galicia: Los Satélites e New York.

O peche das patronais terá lugar o venres 11, día da Caridade. A tarde dedicarase aos máis pequenos con inchables e xogos no Xardín Portuario. A gran queima de fogos de artificio á medianoite e a verbena protagonizada polas orquestras Marbella e París de Noia, xunto a unha discomóbil, porán o ramo a cinco días de celebración.

Outros artigos

Sábado 12, tempo seco e solleiro cunha suba xeral das temperaturas

O tempo anticiclónico continuará a marcar o panorama meteorolóxico en Galicia durante a xornada deste sábado 12, Santa Uxía, festivo local en Ribeira. A comunidade permanecerá baixo a influencia directa das altas presións, ás que se sumará a entrada progresiva dunha...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.