“Coma en Bizancio”. Xosé Antonio López Silva

01 Setembro 2026


O 1 de setembro comeza o ano.
Non hai discusión posible se un repara no que sucede nas casas estes días. Desfanse as maletas tras o descanso do verán, aínda que hoxe hai quen fale, en tecnicismo, de vacacións desestacionalizadas ou esas microvacacións que traen consigo os novos ritmos laborais.
O ritmo destas datas segue a estar marcado polo comezo do curso: fórranse os libros de texto, mércase  o material escolar; e chega para os nenos a véspera do primeiro día, con ese desacougo no estómago que calquera adulto lembra con só pechar os ollos ou volve ver nos seus fillos cando son cativos. Poucos días do calendario teñen unha memoria tan potente. Quizais algunha noite de Reis. Todos somos un pouco nenos en setembro e en Nadal.
E, porén, este inicio de ano non se celebra de xeito ningún. Non hai campás, nin brindes, nin uvas, tal vez porque o que se abre nestas datas é un tempo administrativo: o país enteiro volve sentar á súa mesa de traballo, chámese curso político e xudicial, ou no seu pupitre. As aperturas burocráticas non se festexan.
En Bizancio o ano civil empezaba precisamente o 1 de setembro. Pero aquel inicio era cousa de contas e tributos. Nesa data comezaba o ano fiscal. As tornas alí estaban cambiadas. O ano relixioso seguía abríndose en xaneiro: o día primeiro celebrábase a gran festa popular relixiosa de San Basilio, tras rematar os ritos que pechaban o nacemento de  Xesús: cocíase un pan doce cunha moeda dentro, cantábanse coplas polas casas e lembrábase que aquel bispo capadocio fundara na súa diócese de Cesarea un hospital e un asilo para pobres, enfermos e viaxeiros. Dous calendarios, un para traballar e outro para celebrar. Case coma nós.
Que curioso que este inicio de ano que aquí non festexamos sexa o máis acaído cos ritmos do tempo labrego, da colleita e a vendima, marcado polos santos de outono en tres pasos: San Ramón, San Miguel e San Martiño.
O 31 de agosto é San Ramón Nonato, chamado así porque o sacaron do ventre da nai despois de que ela morrese, e patrón por iso dos partos, das parteiras e das mulleres embarazadas. Estes días vén de celebrarse en Bealo, no Barbanza, a súa romaría, que é a máis antiga que se ven facendo sen interrupción desde 1756, arredor dunha ermida onda dúas laxes con serpes gravadas que alguén, moito antes ca nós, xa asociara á fertilidade. A mañá do 31 hai alí misas cada hora, ás que acoden mulleres a pedir un fillo ou un bo parto, e na derradeira levan ao santo en procesión. Existe mesmo un doce, o sanramón, que se lles agasalla ás amigas desexándolles boa hora.
O ano labrego non se abría para o outono pedindo propósitos, con coleccionables de quiosco ou   pagando a matrícula no ximnasio, senón coa idea de protexer o maior dos comezos posibles, o dunha vida. Todo o demais viña despois, as rendas de setembro e as contas de novembro. Por San Miguel, rematada xa a colleita e habendo por fin con que pagar, cobrábase o debido pola terra traballada, renovábanse ou remataban os contratos, mudaban de casa os criados e recollíanse os figos máis serodios, os migueliños; por San Martiño tocaba facer as contas do ano e a matanza.
Porén, o que nos move estes días non é unha romaría que segue a encherse cada último día de agosto. É algo máis prosaico e menos festivo o que nos anuncia que rematou o verán: o comezo do curso. Estamos xa a piques de quedar inmersos na gaiola que marcan o ordenador e o traballo, o único que de verdade cumprimos. O que nos pon en marcha cada 1 de setembro é, finalmente, unha data de oficina. Coma en Bizancio. 

—

Xosé Antonio López Silva

Outros artigos

“Indefensión frente a la nesciencia”. José Fernández Lago

Soy un ciudadano de a pie, que no entiendo el organigrama gubernativo. Cierto que me siento con el derecho de considerar que los que ostentan algún tipo de cargos deberían tener los estudios oportunos, y no simplemente facilidad para comunicarse entre ellos y para...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Sánchez y la fuerza del amor” – José Antonio Constenla

“Sánchez y la fuerza del amor” – José Antonio Constenla

Hay amores que mueven montañas y otros que, a juzgar por lo visto en Fuenlabrada, aspiran a mover algo más delicado: la opinión pública. Pedro Sánchez y Begoña Gómez se besan, bailan y se dedican un “Que lo escuchen, te quiero” ante los asistentes a un mitin del PSOE....

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.