
Este sábado 5 de setembro comeza oficialmente a iniciativa Boiro Xoga, A gran partida do comercio local, campaña extraordinaria posta en marcha pola Asociación Boirense de Empresas (ABE) e seleccionada pola Xunta de Galicia entre as cinco campañas comerciais extraordinarias consideradas como destacadas dentro da convocatoria autonómica.
A iniciativa nace co obxectivo de dinamizar os negocios locais e ofrecer á cidadanía unha proposta completamente diferente, participativa e pensada para desfrutar en familia.
A presentación oficial terá lugar na praza do Concello de Boiro, de 11:00 a 14:00 horas, nunha xornada aberta a toda a cidadanía na que se dará a coñecer por primeira vez o xogo que protagonizará a campaña durante o mes de setembro.

Un xogo feito en Boiro e para Boiro
Segundo informa a ABE, “Boiro Xoga nace como unha proposta sen precedentes nas campañas de promoción comercial: a creación dun xogo de mesa propio baseado en Boiro, nas súas rúas, nos seus espazos e, especialmente, nos seus negocios locais”.
A iniciativa transforma o comercio de Boiro nun gran taboleiro de xogo e propón unha maneira diferente de achegarse aos establecementos comerciais da vila, combinando participación, diversión e promoción do comercio local.
Baixo o lema Divértete emprendendo pretende converter as compras nos negocios de Boiro nunha experiencia e poñer de manifesto o papel que desempeñan as empresas e o comercio local na vida da vila.
A campaña forma parte das iniciativas impulsadas pola ABE para promover e dinamizar a actividade económica local e supón unha aposta por unha fórmula diferente ás tradicionais campañas de promoción comercial.
Unha presentación con sorpresa
A programación do sábado comezará ás 11:00 horas, con animación musical e ambientación da Praza do Concello arredor do universo de Boiro Xoga.
Durante a primeira parte da mañá, o xogo permanecerá sen descubrir, mantendo a expectación ata o momento central da presentación.
Ás 11:15 horas, o Mago Paco ofrecerá un espectáculo de maxia participativa especialmente pensado para o público familiar, que servirá tamén para animar a praza e preparar o ambiente para o acto central.
Ás 11:45 horas chegará o momento máis esperado da mañá, coa presentación oficial de Boiro Xoga, na que participarán o presidente da Asociación Boirense de Empresas, Daniel García, o director xeral de Comercio e Consumo da Xunta, Gabriel Alén e o concelleiro de comercio, Roberto Lojo.
Será nun momento especialmente preparado para a ocasión e no que o Mago Paco terá un papel protagonista para facer aparecer por primeira vez o taboleiro de Boiro Xoga.
Unha vez descuberto, as persoas asistentes poderán coñecer o xogo, ver todos os seus elementos e recibir as primeiras explicacións sobre a campaña.
Os primeiros xogos serán para os asistentes
A presentación terá tamén unha primeira sorpresa para as persoas que se acheguen á praza do Concello.
Ás 12:30 horas, a ABE realizará o sorteo dos 10 primeiros exemplares de Boiro Xoga entre as persoas asistentes.
Nese mesmo momento abrirase o punto de información da campaña, onde se poderá coñecer de primeira man o funcionamento da iniciativa e todos os detalles necesarios para participar durante o mes de setembro.
As persoas asistentes tamén poderán conseguir bolsas oficiais de Boiro Xoga, que se repartirán ata fin de existencias, así como folletos informativos sobre a campaña.
A xornada contará con música e animación durante toda a mañá e rematará ás 14:00 horas.
O inicio dunha campaña extraordinaria
Con Boiro Xoga, a ABE quere facer deste mes de setembro “unha celebración do comercio local e da propia vila”.
A campaña, segundo explica a asociación, “pretende ir máis alá dunha promoción comercial convencional e crear unha experiencia colectiva na que os negocios de Boiro, as súas rúas e a cidadanía formen parte dunha mesma partida”.
Os detalles sobre o funcionamento do xogo, a participación dos establecementos, os premios e as diferentes accións previstas durante a campaña serán presentados publicamente este sábado, coincidindo coa presentación oficial.
A Asociación Boirense de Empresas anima a toda a cidadanía a achegarse este sábado á praza do Concello de Boiro e “participar no inicio dunha campaña que pretende converter o comercio local nunha gran partida na que toda a vila está convidada a xogar”.




