
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o alcalde de Dumbría, Raúl González Lado, asinaron a semana pasada un convenio de colaboración para que a entidade provincial financie con 86.636 euros o proxecto de turismo científico no Monte Pindo. Esta achega supón o 80% do orzamento total, que ascende ata os 108.295 euros e que Dumbría xestiona en representación conxunta cos municipios de Carnota e Mazaricos.
A iniciativa busca “consolidar un modelo turístico de calidade e sostíbel vinculado ao coñecemento científico e ao coidado do entorno natural”. Entre as actuacións previstas inclúese o servizo de consultoría turística, a elaboración e tradución de material de promoción e, sobre todo, a sinalización de tres itinerarios: a subida á Moa dende O Pindo, a ruta entre O Fieiro e A Moa, e o trazado Valdebois – Castelo de San Xurxo.
O vicepresidente destacou que este proxecto supón “unha aposta decidida pola excelencia e a diferenciación da nosa oferta turística, capaz de atraer visitantes durante todo o ano e de xerar novas oportunidades económicas no territorio”. Regueira sinalou ademais que “o Monte Pindo é un enclave único cuxa posta en valor debe ir da man do rigor científico, a seguridade nas rutas e a preservación do seu enorme patrimonio natural e cultural”.
Regueira puxo igualmente o foco na dimensión territorial da iniciativa e na colaboración entre os concellos de Dumbría, Carnota e Mazaricos.
O proxecto impulsado polo Concello de Dumbría xunto con Carnota e Mazaricos consiste nun programa de turismo científico e sinalización de rutas no monte Pindo. Busca un modelo respectuoso co medio ambiente baseado no rigor científico e a protección do patrimonio natural e cultural. Inclúe a sinalización de roteiros e a divulgación (coa elaboración de material informativo específico e contando cun servizo de consultoría turística especializado).




