A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organizará do 21 ao 23 de agosto no Malecón de Ribeira o Mercado de Verán, un evento que reunirá a trinta operadores de distintos selos de calidade diferenciada de Galicia co fin de achegar a produción agroalimentaria de excelencia directamente á cidadanía.
A iniciativa pretende actuar como un punto de encontro directo entre elaboradores e consumidores, permitindo non só adquirir produtos senón tamén coñecer a súa orixe, os procesos de control e o saber facer tradicional do medio rural galego. O recinto permanecerá aberto durante as tres xornadas en horario de 11:00 a 15:00 horas e de 18:00 a 22:00 horas.
Programación gastronómica e musical
A cita combinará venda, divulgación, catas comentadas e actuacións musicais ao longo de toda a fin de semana:
- Venres 21: Arrancarán as dúas sesións de «Sabores do Mercado – Ponlles cara», con presentacións e degustacións de produtos acompañadas polo concerto de Leite con Jalletas.
- Sábado 22: Celebrarase a actividade «De viños polo Mercado», centrada en viños singulares da IXP Terras do Navia e de produción ecolóxica, xunto coa proposta «After Praia: Doces & Tintos da Ribeira Sacra». A animación correrá a cargo de O Cego na Feira e Music Box. The Band.
- Domingo 23: A última xornada incluirá a sesión «Café de Domingo con…» para degustar doces tradicionais, catas de viños con DOP Ribeiro e DO Rías Baixas, e o peche con «After Praia: Mesturas de verán», con cócteles de augardentes e licores tradicionais xunto a petiscos locais. A música correrá a cargo de Pulpiño Viascón e Loren Tevra.
Con esta acción, a Xunta busca reforzar a visibilidade dos distintivos oficiais de calidade nos núcleos costeiros con grande afluencia estival, consolidando a identidade gastronómica galega e apoiando o tecido produtor do rural.




