Tras un comezo de xornada marcado polas nubes baixas e as brétemas matinais, a entrada progresiva das altas presións deixará este luns, 10 de agosto, día de San Lourenzo, unha tarde de ceos despexados e un ascenso notable das temperaturas máximas tanto na comarca de Compostela como no litoral das Rías Baixas.(máximas de 28 a 30 graos).
Rías Baixas: recuperación térmica no litoral
No litoral as brétemas e brumas matinais darán paso rapidamente a unha xornada soleada. Este ascenso das temperaturas máximas será de forma máis significativa no sur.
Santiago: da mañá gris á solaina da tarde
Na capital galega, a semana arrincará coa típica estampa de ceos cubertos e néboas a primeiras horas do día. Con todo, a medida que avance a mañá a influencia anticiclónica irá gañando terreo, disipando a capa de nubes e deixando un ambiente despexado e moito máis cálido nas horas centrais.
Mentres que as temperaturas mínimas manteranse sen cambios significativos con respecto aos días anteriores, as máximas experimentarán un ascenso evidente, favorecido pola posterior entrada do vento frouxo do nordés.

O noso mar: Vento do norte á mañá e á noite e do noroeste á tarde, forza 1 a 2 á mañá e á noite e 2 a 3 á tarde. Mar rizado á mañá e á noite e mar ovellado á tarde. Visibilidade mala á mañá e á noite e boa á tarde. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 0.5 a 1 metros.



