
O Goberno español mobilizou ao Exército nas últimas horas de onte, xoves. Foi esta unha decisión que tenta pór remate á invasión de Ceuta por un mínimo de dúas mil persoas que se identifican coma migrantes e que fan que en España se rememore agora a denomjnada “Marcha Verde”, unha invasión pacífica e masiva que, en novembro de 1975 e cando Franco finaba, organizara o rei Hassán II de Marrocos. Daquela, máis de 300.000 civís marroquís cruzaran a fronteira do Sáhara español nunha tentativa de forzar a España a ceder o territorio aproveitando, como se dixo, a agonía de Franco e a asunción interina da xefatura do Estado polo príncipe Juan Carlos de Borbón.
Consecuencia de todo elo foi a sinatura dos denominados Acordos de Madrid o 14 de novembro de 1975 polos que España entregou a administración do territorio do Sáhara Español a Marrocos e Mauritania.
O xoves da semana pasada, España e Marrocos acordaron regular a coordinación e os esforzos de cara a afrontar a crise migratoria que afecta a Ceuta, a cidade autónoma española do Norte de África a onde na última quincena chegaron máis de 2.000 persoas. Ambos os países comprometéronse a revisar e implementar medidas que permitan a entrega o antes posíbel de todas as persoas que ilegalmente entraron en territorio español.
Hoxe, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, viaxan a Ceuta para coñeceren sobre o terreo a situación xerada pola entrada sen control de persoas procedentes de Marrocos. Sánchez manterá un encontro con representantes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, co presidente da Cidade Autónoma, delegado do Goberno, responsábeis da Policía Nacional e da Garda Civil e os directores do Centro de Estadía Temporal de Migrantes e da Cruz Vermella en Ceuta.
Como antesala a esta viaxe, o ministro do Interior conversou telefónicamente co presidente ceutí, a quen informou do despregamento dos reforzos de Policía Nacional e Garda Civil na cidade autónoma, así como do acordo acadado co Ministerio de Defensa para a mobilización dos seus efectivos en apoio da Garda Civil. O ministro trasladou tamén ao presidente ceutí o apoio e compromiso do Ministerio do Interior para manter a seguridade en Ceuta e restablecer canto antes a situación de normalidade.


