
Nos anos 60 e posteriores do século pasado, os montes de Galicia eran o Edén dos piñeirais e eucaliptais aos que, en boa medida, ecoloxistas e responsábeis da loita contra incendios forestais culpan desde vai anos -coido que con moita razón- de seren os causantes dos lumes rexistrados nos montes galegos.
Non quito a razón aos que así opinan. E sen ser -nen moito menos- especialista nesta materia, si recorro á memoria e á experiencia propia dun neto de labregos que tiveron montes e gando que alindaba libremente neses montes que servían asimesmo como subministradores de leña para os fornos e lareiras nos que se cocía o pan e se facían as comidas de cada día un mínimo de tres veces, e dúas veces tamén diariamente as encaldadas do gando da casa: vacas e porcos, o que da idea da cantidade de madeira que se consumía. Á citada, cómpre engadir a que cada dez ou quince días se utilizaba para quecer o forno no que se cocía pan, empanadas e biscoitos. Máis leña a consumir, se ben esta era de toxo.
O toxo abundaba, ao igual que o fieito. Xuntos, eran os compoñentes da “cama” das vacas, os porcos, cabuxas, coellos e galiñas que integraban o total dos animais que a casa de labranza acubillaba. Desa “cama” se servían os avós para, en calidade de esterco, abonar as leiras e hortas nas que plantar millo, trigo, patacas, centeo, e outros produtos de consumo propio. Deste xeito, os montes mantíñanse limpos e non se producían incendios coma os que, hoxe en día, se rexistran en calquera época do ano, obrigando a manter alertas brigadas contraincendios que, para seren totalmente efectivas, sería preciso mantelas activas durante todo o ano porque nas aldeas, nos pobos, non hai veciñanza que coide os montes e o esterco das cortes foi substituído polos abonos e sulfatos químicos.
Resultado: montes con materia altamente inflamábel e de lume sumamente expansivo que contribúen sobremaneira aos negativos efectos que estamos a padecer malia as copiosas choivas rexistradas por exemplo este ano.
E din que non existe o cambio climático?.
Non, que va!.



