“A auga non é papel timbrado” – Tonio Nóvoa

04 Xullo 2026

O día primeiro de xullo leemos no diario O Barbanza que o Mediterráneo ferve coma unha pota ao lume e que no Atlántico, a benéfica friaxe que nos mantiña a salvo tamén claudica. A calor que asfixia xunto da quentura estraña da corrente do Norte falan de febre complicada. A auga, vista dende a sombra, podería pasar por unha testemuña inocente, algo que sempre estivo aí como a Curota ou o Pico Sacro, e que sempre estará. Pero hai tempo que deixou de ser só iso. Nalgún lugar (sempre noutro lugar) hai mans que botan contas, a reparten e a venden con aquel desprezo administrativo co que se decide o destino daquilo que lles parece non ter dono. E non fai falta furtivar de noite: abonda con asinar e selar de día.

Hai nomes que soan lonxe (California, Doñana) pero que están máis preto do que di mapa, porque pertencen ó mesmo rumbo da historia: a fame de auga, a auga que cambia de mans, a febre polo tesouro perdido, e o que foi de todos convertido en botín. E isto pasa, e as palabras dos negociantes e dos políticos flotan como restos do idioma do ilusionista, sen pouso nin verdade. Mais o certo é que a auga limpa non é un tesouro: é un dereito común que algúns queren converter en industria e dividendo. Noso, si. Pero non de ninguén por posesión. Noso por responsabilidade e por ben común.

En Galicia a auga sempre tivo unha presenza case íntima. Non precisabamos pensala: estaba. Vivía con nós e en nós. Corría polos regatos, baixaba polo río, abría a ría coma quen abre a súa casa. Quizais por iso custa tanto aceptar que no Ulla e na ría de Arousa tamén pode faltar a auga. Mais para algúns veciños está a pasar: no Leste de Europa hai países que xa quedaron sen reserva subterránea. Polonia, Romanía, Ucraína, Hungría perden os aforros das augas de emerxencia.

O clima, que antes se deixaba levar con mesura, agora ten arroutadas. Chove de golpe e non queda nada. Vén unha seca que estira nos días ata volvernos apoucados. A ría sínteo deseguido: muda o sal, vaise a vida, e o que antes era oficio convértese en incerteza. Mentres, río arriba, sempre hai quen segue disposto a espremer a folla de cálculo.

Francia, entre 120 e 170; Península Ibérica, entre 30 e 45; Reino Unido, entre 25 e 40. Son persoas mortas pola calor no traballo, na rúa ou no fogar nestes últimos días de xuño.  E Galicia, refuxio climático? A idea ten algo de tentación e de verdade. Pero os refuxios, se existen, mantéñense. Non abondan as palabras fermosas. Cóidanse. Hai que poñer límites. Primeiro a auga para vivir; despois, xa veremos. E mirar con atención: saber que pasa e onde pasa, quen decide, quen gaña, quen perde.

E si, queremos Galicia Calidade: industria limpa e que innova, turismo respectuoso e sostible, empregos decentes e que non arruínan os oficios que nos alimentan, fragas, campos, ríos e rías limpas de velenos, fondos europeos para quen non dana a terra, o aire nin as augas. Podes pensar que isto é cousa dos partidos. Ou dos concellos, das confrarías, das asociacións de gandeiros e labregos, das amas de casa, dos claustros escolares ou dos bombeiros. Pero igual tamén é un asunto teu e meu, de civismo. Porque somos nós os que escollemos: celulosa para hoxe ou fame para mañá.

Tamén é xusto escoitar a versión da empresa da celulosa. Vaia: pois nestes días sacou un informe onde asegura, coa seriedade do papel timbrado, que cumpre o principio europeo de “non provocar dano ambiental significativo”. O estudo pagouno ela mesma. E quen o asina é Bureau Veritas, esa consultora que uns anos atrás defendeu que o Prestige podía seguir navegando sen problema cinco anos máis. Hai nomes que dan unha tranquilidade estraña.

Outros artigos

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

+

“Xosé López, un premio Diego Bernal magistral”. Alberto Barciela

Le conocí en sus andanzas en La Voz de Galicia, le seguí en sus avatares en la Facultad de Comunicación de Santiago -en una carrera muy paralela a la de Margarita Ledo o Paco Campos-, colaboré con él de forma breve en sus trabajos para el Consello da Cultura galega,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El arte y la necesidad de pensar”. José Castro López

“El arte y la necesidad de pensar”. José Castro López

Ricardo de la Cierva publicó en los años ochenta el opúsculo titulado Cómo ampliar micultura. ¿Qué puedo hacer?, que escribió con el objetivo de ofrecer una guía prácticapara construir una cultura personal que no consiste solo en adquirir conocimientos, sinoen...

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.