Unha nova especie de fungo descuberta en Cortegada consolida a illa como un referente micolóxico internacional

29 Xuño 2026

O achado de Xylaria polyphaga eleva a sete o número de especies novas para a ciencia identificadas neste enclave do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. A investigación, publicada na prestixiosa revista Life, constata a extraordinaria riqueza biolóxica da illa, onde xa se documentaron máis de 1.000 especies fúnxicas.

USC

A Illa de Cortegada, integrada no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, volve situarse no mapa internacional da investigación micolóxica. Un recente estudo científico centrado na diversidade do xénero Xylaria nos bosques de laurisilva atlántica europea, publicado na revista Life, serviu para describir unha nova especie de fungo para a ciencia: Xylaria polyphaga.

Este descubrimento converte a Xylaria polyphaga na sétima especie nova para a ciencia descuberta na Illa de Cortegada, consolidando este espazo de apenas 44 hectáreas como un dos enclaves máis relevantes para o estudo da biodiversidade fúnxica en Europa.

Un nome inspirado na súa versatilidade

A nova especie destaca pola súa capacidade para desenvolverse sobre distintos substratos vexetais, unha característica pouco habitual dentro do seu grupo e que inspirou o seu nome científico, polyphaga.

Ademais de en Cortegada, o estudo identificou que este fungo está presente noutras áreas de grande valor ecolóxico e de influencia atlántica, como as laurisilvas dos Azores e das Illas Canarias, así como nos bosques de néboa do Parque Natural dos Alcornocales (Cádiz). Esta distribución revela unha estreita asociación cos ecosistemas húmidos, reforzando a importancia destes hábitats como refuxios de biodiversidade e reservorios de especies aínda descoñecidas.

Cortegada: un laboratorio natural único

Este novo taxón súmase ás seis especies descritas previamente a partir de exemplares recollidos na illa:

  • Atheniella lauri
  • Calycina cortegadensis
  • Mollisia cortegadensis
  • Physalacria auricularioides
  • Pseudobaeospora cortegadensis
  • Ramariopsis coronata

Os traballos de investigación desenvolvidos durante os últimos anos permitiron documentar máis de 1.000 especies de fungos na illa, unha cifra que representa aproximadamente a metade das especies rexistradas en toda Galicia. Esta extraordinaria riqueza biolóxica resulta especialmente notable dada a reducida superficie do territorio, superando amplamente a diversidade coñecida noutros espazos naturais de moita maior extensión.

As condicións ambientais, forestais e históricas da illa, entre as que destaca a presenza dunha das mellores representacións de laurisilva atlántica do continente europeo, favoreceron a conservación dunha comunidade fúnxica de enorme singularidade.

“Cada nova campaña de mostraxe continúa revelando o extraordinario patrimonio natural que alberga Cortegada. A illa constitúe un laboratorio natural excepcional para comprender a diversidade fúnxica dos bosques atlánticos e a súa evolución ao longo do tempo”, explica o investigador Saúl de la Peña, autor do estudo.

Próximos avances na investigación

O investigador adianta ademais que nos próximos meses verá a luz a súa tese doutoral, resultado de varios anos de investigación sobre a biodiversidade fúnxica dos ecosistemas de laurisilva atlántica. O traballo incorporará numerosos datos inéditos e descubrimentos de especial relevancia científica que permitirán ampliar significativamente o coñecemento actual sobre estes hábitats.

A sucesión de novos achados confirma que a Illa de Cortegada constitúe un auténtico tesouro biolóxico de relevancia internacional, reforzando a necesidade de preservar este ecosistema único, fundamental para a conservación da biodiversidade galega e europea.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.