A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha unha campaña informativa que pretende concienciar a veciñanza dos concellos adheridos á Mancomunidade Serra do Barbanza e ao Consorcio das Mariñas da importancia de facer unha correcta separación dos residuos en orixe.
Así, durante a presentación da campaña celebrada este luns 26 en Lousame, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, fixo fincapé no papel clave da cidadanía para avanzar cara a unha xestión máis eficiente e sostíbel dos residuos.

Nesa liña, a conselleira sinalou que as Administracións deben poñer á disposición da cidadanía tanto os medios como os coñecementos necesarios para facer unha correcta separación dos residuos en orixe e o seu posterior depósito no contedor correspondente para garantir a súa reciclaxe. “Esa formación debe reforzarse máis aínda cando se producen cambios no modelo de xestión”, sinalou, ao tempo que lembrou que “os residuos dos concellos adheridos á Mancomunidade Serra do Barbanza son xestionados por SOGAMA desde o pasado 1 de xaneiro e que o Consorcio das Mariñas tamén se está adaptando ao novo modelo tras abandonar o sistema húmido-seco”.
Neste contexto, a conselleira incidiu “na importancia de facer campañas de información, formación e concienciación como a presentada hoxe que, baixo o lema Impropio de nós, busca reducir o depósito de residuos impropios nos contedores xa que isto impide a recuperación e reciclaxe dos refugallos”.
En concreto, esta campaña fai especie fincapé “no uso incorrecto do contedor amarelo salientando que os residuos que se deben depositar nel son as latas, bricks e envases de plástico”.
A campaña desenvolverase ao longo dos meses de xullo de agosto e consistirá en tres accións principais. Instalaranse elementos que son impropios do contedor amarelo en determinadas localizacións para chamar a atención, como, por exemplo, un cepillo de dentes nun xardín. E, ademais, distribuiranse cubos amarelos en cada un dos concellos co lema da campaña, así como vinilos entre os comercios das localidades. A maiores, tamén se informará directamente aos veciños entregándolles flores amarelas en accións a pé de rúa. Finalmente, durante o mes de agosto a campaña trasladarase ás praias para seguir informando á cidadanía.
Esta iniciativa enmárcase no compromiso do Goberno galego de apoiar os concellos nesta materia. Tal como subliñou a conselleira, “aínda que a xestión dos residuos é unha competencia municipal, a Xunta destinou desde 2018 preto de 40 millóns de euros en axudas ás entidades locais para financiar proxectos que contribuíron de forma decisiva a que Galicia avance no cumprimento das obrigas comunitarias nesta materia”.



