Sés, Tona e o folclore galego, protagonistas da programación musical das XXI Xornadas “Muros Mira ao Mar”

11 Xuño 2026

As XXI Xornadas de Cultura Mariñeira “Muros Mira ao Mar”, que se celebrarán do 10 ao 12 de xullo, contarán cunha destacada programación musical que combinará propostas de referencia da música galega actual coas tradicións folclóricas de ambas beiras do Miño.

O venres 10 de xullo, o Curro da Praza acollerá o concerto de Sés, unha das artistas máis recoñecidas e influentes da música galega contemporánea. Segundo destaca o Concello, a cantante e compositora de Bergantiños leva máis dunha década construíndo unha sólida traxectoria artística caracterizada por un estilo propio que combina rock, blues, canción de autor e músicas de raíz. As súas letras, comprometidas coa realidade social e coa defensa da lingua e da cultura galega, convertérona nunha das voces máis singulares do panorama musical actual.

A programación continuará o sábado 11 de xullo coa actuación de Tona, unha das bandas liderada por Miguel Cernadas, veciño de Muros. O grupo presenta unha proposta musical que mestura música tradicional e rock.

A música tradicional será a protagonista da xornada de peche das xornadas. O domingo 12 de xullo, o Curro da Praza acollerá o tradicional Festival Folclórico, unha cita xa consolidada dentro da programación de Muros Mira ao Mar e que serve de punto de encontro para agrupacións dedicadas á conservación e difusión da música e do baile tradicional.

Nesta edición participarán a Asociación Folclórica Ximiela, de Muros, entidade anfitrioa cunha ampla traxectoria; a Agrupación Cultural Rosalía de Castro, procedente de Teo, referente no ámbito da música e do baile tradicional; e a asociación portuguesa Amendoeiras em Flor, que achegará ao festival unha mostra do folclore e das tradicións musicais do norte de Portugal, fortalecendo os vínculos culturais entre ambos territorios.

As actuacións de Sés e Tona forman parte da programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña, un programa que ten como obxectivo promover o acceso á cultura nos concellos da provincia e apoiar a difusión do traballo de artistas e formacións musicais galegas.

A concelleira de Cultura do Concello de Muros, Caridad González, destacou que “a programación musical de Muros Mira ao Mar mostra a diversidade cultural que caracteriza estas xornadas, combinando propostas contemporáneas de gran calidade con expresións artísticas vencelladas ao noso patrimonio inmaterial”.

A edil sinalou ademais que “a colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña permite achegar ao público artistas de primeiro nivel, mentres que o Festival Folclórico continúa sendo un espazo fundamental para a preservación e difusión das nosas tradicións”.

As actuacións forman parte da programación das XXI Xornadas de Cultura Mariñeira “Muros Mira ao Mar”, unha cita que cada verán converte o centro histórico muradán e a zona portuaria de Muros nun espazo de encontro arredor da cultura mariñeira, a música, o patrimonio e as tradicións vinculadas ao mar.

Outros artigos

O filme documental 360 curvas proxéctase este domingo en Boiro

O Ciclo de Cine Mestre Mateo, impulsado nos concellos pola Academia Galega do Audiovisual, volveu poñer o foco en Boiro para dar coñecer ao público a rica colleita cinematográfica galega deste último ano. Sen ir máis lonxe, este domingo 18 de outubro proxectarase no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.