A Xunta licita por case 13,6 millóns de euros a nova concesión de transporte regular da comarca da Barbanza. Cada hora un autobus entre Santiago e Ribeira e viceversa
O novo contrato reforzará as conexións con Santiago, mellorará o acceso ao Hospital da Barbanza e aos centros educativos da zona e estará vixente ata o ano 2030.
O Consello da Xunta autorizou a contratación da nova concesión do servizo público de transporte regular de viaxeiros por estrada na comarca da Barbanza, cun importe de licitación de case 13,6 millóns de euros e unha duración prevista de catro anos e catro meses, polo que permanecerá en vigor ata o ano 2030.
A través desta actuación, o Goberno galego acomete unha profunda reestruturación do transporte interurbano na comarca, adaptando os servizos ás actuais necesidades de mobilidade da cidadanía. O novo modelo permitirá incrementar frecuencias, mellorar horarios e reforzar as conexións directas entre a Barbanza e Santiago de Compostela, ao tempo que facilitará o acceso a servizos esenciais como a sanidade e a educación.
A concesión dará cobertura aos concellos de Ames, Boiro, Dodro, Lousame, Noia, Padrón, A Pobra do Caramiñal, O Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santiago de Compostela e Teo. Unha vez completada a tramitación administrativa, a licitación publicarase na Plataforma de Contratación Pública de Galicia.

Mellores conexións con Santiago
Un dos cambios máis destacados da nova concesión será a mellora da comunicación entre a comarca da Barbanza e a capital galega. Para iso, combinaranse servizos directos por autoestrada entre Ribeira e Santiago de Compostela cunha nova conexión comarcal entre Aguiño e Rianxo, con paradas en todos os núcleos intermedios.
Este novo esquema permitirá conectar a comarca con Santiago cada hora de luns a venres laborables e cada dúas horas durante as fins de semana e festivos. O primeiro servizo partirá ás 6.00 horas desde Ribeira e o último sairá ás 22.15 horas desde Santiago.
Ademais, seis servizos diarios estarán adaptados aos horarios do persoal sanitario dos hospitais composteláns, mentres que dúas expedicións de luns a venres realizarán paradas en San Caetano e San Lázaro.
As liñas directas contarán con 30 servizos diarios entre semana e 18 durante as fins de semana. Pola súa banda, a conexión comarcal entre Aguiño e Rianxo ofrecerá 60 servizos diarios de luns a venres e 36 en sábados, domingos e festivos, facilitando o enlace cos servizos directos cara á capital galega.
Melloras para estudantes e usuarios
A nova planificación tamén reforza o transporte aos principais centros educativos da zona mediante novos itinerarios e horarios adaptados ás entradas e saídas do alumnado. Entre as actuacións previstas destaca a resposta á actual falta de prazas no IES Leliadoura e a mellora das conexións para estudantes de bacharelato e formación profesional.
Así mesmo, crearase unha liña específica para o alumnado do concello de Dodro que cursa estudos nos institutos de Padrón.
No eixo Ribeira-Noia-Santiago introduciranse tamén axustes para mellorar a coordinación cos horarios escolares e reducir os tempos de espera, atendendo ás demandas trasladadas polas persoas usuarias. Ademais, optimizaranse as conexións entre as comarcas da Barbanza e Noia mediante a adaptación de frecuencias e horarios ás necesidades actuais.
Máis vehículos e maior capacidade
A nova concesión contará cun total de 48 vehículos, cinco máis que os que prestan servizo na actualidade. Ademais, incrementarase significativamente a capacidade da frota, xa que 28 autobuses disporán de máis de 55 prazas, o que supón 21 vehículos máis destas características respecto ao contrato vixente.
En canto ao volume de servizo, a nova rede superará os tres millóns de vehículos-quilómetro anuais, unha cifra que inclúe tanto os percorridos comerciais como os desprazamentos derivados da optimización das rutas e da adaptación á demanda existente.
Con esta actuación, a Xunta busca consolidar un sistema de transporte público máis eficiente, accesible e adaptado ás necesidades de mobilidade da cidadanía da comarca da Barbanza.



