
O Centro Social de Abanqueiro converterase o vindeiro 30 de maio nun dos puntos de encontro da música tradicional galega coa celebración dunha nova edición da Foliada de Exipto, unha cita aberta ao público que reunirá a numerosos grupos e formacións da comarca nunha noite marcada pola música, o baile e o ambiente festivo.
A foliada dará comezo ás 19:30 horas e contará coa participación de Adorniña, Grupo de Abanqueiro, Arrancadeira, Caramuxiños, O Facho e As Tahumiñas da escola de baile e música tradicional Tahume, Mar de Cabo, Ventos do Mar, Nunca é tarde, Acordeóns EM, O Son do Pote, Os da Boina e Estroupele.
O evento nace co obxectivo de “promover e poñer en valor a música tradicional galega, favorecendo ademais o encontro entre agrupacións, músicos e público afeccionado ás foliadas populares, nun ambiente participativo e aberto a todas as idades”, informaron dende a organización (a Comisión de Festas da Romaría).
Ademais da programación musical, durante a noite poderase degustar o xa clásico bocadillo de luras, unha das propostas gastronómicas máis recoñecidas desta celebración.
A festa continuará a partir das 23:30 horas coa sesión de DJ Jalaiko, que será o encargado de pechar a noite cunha proposta musical para seguir a celebración ata altas horas.
A organización agradece a colaboración do Concello de Boiro, A Despensa de Abanqueiro e Bar Os Fornos, entidades colaboradoras desta edición da Foliada de Exipto.



