A Sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo vai acoller este sábado 23 de maio unha nova actuación encadrada no Ciclo Primavera de música de corte clásico. Desta volta actuará o Lucus Ensemble cunha proposta musical de homenaxe a un ilustre rianxeiro: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Será ás 20.30 horas, con entrada de balde até completar a capacidade do Auditorio.
Recollida de convites desde unha hora antes do comezo da función (máximo 2 por persoa).
Trece músicos procedentes dos ámbitos do jazz e da música clásica forman este conxunto de música de cámara con repertorio propio. A formación inclúe violín, violoncello, contrabaixo, piano, percusión, frauta, fagot, dous clarinetes, saxofón, gaita e dúas voces.
No seu concerto presentan un repertorio co que homenaxean a figura de Castelao no 75 aniversario do seu pasamento.




