A Pobra do Caramiñal acollerá este venres, 22 de maio, a actividade As Letras de Begoña. Contacontos ilustrados, unha proposta cultural e de dinamización lingüística promovida polo programa FalaRedes da Xunta de Galicia (Secretaría Xeral da Lingua).
A cita desenvolverase ás 18.30 horas na praza do Cantón da Leña e estará a cargo do Colectivo Xurelo, que ofrecerá unha actividade participativa na que se mesturan narración oral, ilustración e música tradicional en directo.
Durante a sesión, o narrador irá relatando a historia mentres a ilustradora realiza un mural en vivo e o músico acompaña a actividade interpretando diferentes pezas con instrumentos tradicionais. A proposta rematará cun obradoiro colectivo de debuxo guiado pola ilustradora.
A iniciativa busca promover o uso e a posta en valor da lingua galega a través dunha experiencia cultural dirixida a todos os públicos.
A actividade enmárcase no programa FalaRedes, impulsado pola Xunta de Galicia dentro das accións de dinamización lingüística.




