O Concello de Muros esixe a substitución integral da pasarela peonil de madeira de San Francisco (Louro) á Demarcación de Costas, organismo responsábel da infraestrutura.
A reclamación do Goberno local de Muros arguméntase principalmente nun estudo técnico encargado pola Administración local que conclúe que “a estrutura presenta un deterioro que xa non pode resolverse con labores ordinarios de mantemento”.

Ante esta situación, o Concello xa lle trasladou as conclusións do informe á Demarcación de Costas e mantivo conversas co organismo do Goberno central para procurar “unha solución urxente”, tal e como adiantou a alcaldesa, María Lago, a todos os grupos municipais no último pleno.
Á espera de concretar esta actuación na infraestrutura con Costas, o Concello de Muros decidiu pechar ao tránsito dende este venres 15 de maio o tramo de madeira da pasarela por motivos de seguridade.
Este precinto realizarase tras confirmar o informe técnico que “a pasarela chegou ao remate da súa vida útil”, e “que a reparación das táboas deformadas ou os elementos de protección é ineficaz sen a substitución da base estrutural da mesma”.
“Desde o Concello cambiamos varias táboas nos últimos meses para atender as demandas veciñais, pero é unha solución que xa non serve porque a estrutura está moi deteriorada”, explica María Lago, “polo que debe ser Demarcación de Costas a que actúe na pasarela”. Engadiu que “o estado da pasarela implica a necesidade de actuar sobre a mesma para garantir que a veciñanza poida facer uso da mesma o antes posíbel”.




