O Lab Barbanza recibe unha delegación de expertos para exportar o modelo de revalorización de algas de Orixe Salgada

15 Maio 2026

O Lab Barbanza do Concello de Boiro recibiu este venres 15 de maio unha visita dunha delegación de expertos en acuicultura da República Dominicana. Participaron na recepción o alcalde, José Ramón Romero, e o concelleiro de Comercio, Formación e Emprego. A visita encadrouse na actividade do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) e no proxecto PreMiSa, que busca identificar casos de éxito na transferencia de biotecnoloxía mariña ao sector privado.

A delegación, integrada por cinco representantes de diversas universidades e centros de investigación dominicanos, viaxou a Galicia co obxectivo de coñecer de primeira man o modelo de Orixe Salgada. Esta empresa, residente no Lab Barbanza, é hoxe un referente por transformar argazo de arribazón (un residuo que xera sobrecustes nas praias) en ingredientes biotecnolóxicos de alto valor para a agricultura e a cosmética.

A xornada formativa abordou retos críticos para a bioeconomía. Segundo os eixos establecidos polo programa, os participantes analizaron o uso das algas nas industrias globais e a valorización dos seus principios activos. Un dos puntos clave é o estudo do mercado agrícola, analizando o marco regulamentario e os beneficios da redución dun 50% no uso de fitosanitarios mediante bioestimulantes naturais.

Elena Fontán, fundadora de Orixe Salgada e doutoranda en Oceanografía, prestou a estrutura organizacional da empresa, que nace da transferencia científica e que aposta por un modelo de emprego de calidade no rural e inclusión social. Este encontro reafirma a posición de Galicia e a ría de Arousa como líderes en innovación azul, demostrando que a colaboración internacional e a “química verde” son ferramentas esenciais para converter os retos ambientais en oportunidades de crecemento para o territorio.

A visita serviu tamén para dar a coñecer o Lab Barbanza, un centro de emprego e emprendemento do Concello de Boiro que forma parte da rede de espazos de traballo colaborativos da Deputación da Coruña. O alcalde e o concelleiro foron os encargados de guiar á delegación polo viveiro e o coworking, amosando como o apoio institucional e técnico é vital para que proxectos innovadores como Orixe Salgada pasen do laboratorio ao mercado industrial.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...