Boiro acollerá por primeira vez o festival internacional Pint of Science os días 18, 19 e 20 de maio

15 Maio 2026

O festival internacional Pint of Science celebrarase por primeira vez en Boiro os días 18, 19 e 20 de maio, convertendo a vila nun punto de encontro entre ciencia e cidadanía nun formato próximo, aberto e accesíbel.

Durante tres xornadas consecutivas, investigadoras e investigadores de primeiro nivel achegarán o seu traballo ao público nun ambiente distendido, levando a ciencia aos bares e favorecendo o diálogo directo entre a comunidade científica e a cidadanía. O obxectivo do festival é facer a ciencia próxima e participativa, saíndo dos espazos académicos tradicionais e entrando na vida social das vilas e cidades.

En España, Pint of Science está coordinado pola Asociación de Divulgación Científica Pint of Science España, unha entidade sen ánimo de lucro formada integramente por persoas voluntarias.

Un proxecto colaborativo en Boiro

A chegada de Pint of Science a Boiro é unha readliade grazas ao traballo conxunto dun equipo local comprometido coa divulgación científica, coa implicación directa do tecido hostaleiro e co apoio da Asociación Boirense de Empresas (ABE), que contribúe ao impulso e visibilidade da iniciativa, reforzando a conexión entre o tecido empresarial local e propostas innovadoras que dinamizan a vida social e económica da vila.

Os establecementos hostaleiros participantes —O Furancho, The Gin Lab e Cervecería Gilligan’s— convértense nestes días en espazos de encontro entre ciencia e sociedade, abrindo as súas portas a unha experiencia única na que o coñecemento se comparte nun formato informal e participativo.

A coordinación desta primeira edición en Boiro corre a cargo de Noa Caramés, investigadora e xestora de innovación no CINBIO (Universidade de Vigo), que lidera un equipo local de 7 persoas voluntarias que fan posíbel a organización do evento.

Programa Pint of Science Boiro 2026

Todas as charlas comezarán ás 20:00 horas.

Luns 18 de maio – Cervecería Gilligan’s

Impacto de Tradescantia fluminensis nas ribeiras, por Felipe González Outeiriño (USC)

Da orixe da auga e por que 3I/ATLAS é unha pedra, por Isabel Rebollido Vázquez (Axencia Espacial Europea)

Martes 19 de maio – A terraza do Furancho

Adaptación dos moluscos ao cambio climático, por Sergio Fernández Boo (CIIMAR – Universidade de Oporto)

As células son moi boas dicindo non, por Yeray Folgar Cameán (Ciqus – USC)

Mércores 20 de maio – The Gin Lab

Cultivo in vitro de especies forestais, por Pablo Manuel Piñeiro Insua (Misión Biolóxica de Galicia – CSIC)

Entre Google, a IA e a prensa: quen pensa hoxe?, por Milagros Torrado Céspón (Universidade Internacional de La Rioja)

Ciencia para todos

Pint of Science, o festival gratuíto de divulgación científica en bares, celebra este ano a súa undécima edición con mais de 1.300 charlas e eventos repartidos en 114 cidades e municipios de toda España. Consolidado como un dos maiores eventos de comunicación científica do mundo, o festival organizou ao longo das súas dez primeiras edicións en España mais de 2.200 eventos en preto de 1.000 bares, e conta coa participación de mais de 5.300 investigadores e investigadoras e unha asistencia acumulada de 130.000 persoas.

O obxectivo de Pint of Science é acercar a investigación á cidadanía nun entorno próximo e accesible, transformando bares e espazos do día a día en puntos de encontro entre a ciencia e a sociedade. Durante o festival, investigadores e investigadoras de múltiples disciplinas compartirán os seus coñecementos co público a través de charlas, experimentos e actividades divulgativas.

Participación e actividades complementarias

A organización convida a toda a veciñanza de Boiro e da contorna a asistir a estas sesións únicas de divulgación científica, que combinan coñecemento, proximidade e conversa aberta.

Ademais, durante os tres días do festival haberá sorteos e agasallos para as persoas asistentes.
Colaboradores

Pint of Science 2026 é un evento gratuíto para todo o mundo que queira asistir, e non sería posible se non fora pola colaboración de organizacións que patrocinan o festival a nivel nacional, como Fundación Pfizer, Labbox, CESIF, VHIO, Miltenyi, JJNN, Vadillo Asesores e mais de 70 patrocinadores locais.

En Boiro agradecemos ademais ás entidades que colaboran coa organización local como a Asociación Boirense de Empresas (ABE) e a colaboración dos establecementos hoteleiros O Furancho, The Gin Lab e Cervecería Gilligan’s.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...