“A elegancia moral do galeguismo”: Antón Vidal Andión enxalza a memoria de Quico Domínguez

15 Maio 2026

Por Antón Vidal Andión, presidente da Editorial Galaxia

Hai persoas que fan país sen necesidade de ocupar grandes escaparates públicos. Homes discretos, afastados da retórica e da vaidade, que sosteñen institucións, proxectos e ideas cunha mestura de rigor, xenerosidade e coherencia persoal.

Quico Domínguez na horta da casa familiar no barrio do Pombal

Francisco Domínguez Martínez (o noso Quico) pertenceu a esa estirpe cada vez máis rara de galeguistas que entenderon o compromiso co país como unha forma de servizo. Nado en Ribeira en 1944, formado como enxeñeiro industrial e doutor pola UVigo, a súa traxectoria profesional podería explicar só unha parte do personaxe. Traballou na empresa privada, foi técnico de I+D, profesor asociado e xestor do Plan Galego de Investigación. Mais a súa verdadeira biografía estaba noutro lugar: na defensa constante da cultura galega, na construción paciente de institucións e na fidelidade a uns principios éticos que nunca abandonou.

Chegou ao galeguismo sendo moi novo, da man de Xaime Isla Couto, nun Vigo onde a resistencia cultural era tamén unha maneira de dignidade. En Bilbao, mentres estudaba Enxeñería, desenvolveu unha intensa actividade cultural no Centro Galego de Barakaldo, demostrando xa daquela unha capacidade singular para crear comunidade arredor de Galicia.

Un dos capítulos máis importantes da súa vida foi a súa vinculación á editorial SEPT. Como director-xerente e máis tarde presidente, participou nun proxecto que hoxe semella histórico: a tradución da Biblia ao galego desde as linguas orixinais. Aquel traballo, realizado ao longo de máis dunha década, non foi simplemente unha tarefa editorial; foi tamén unha afirmación cultural e espiritual da lingua galega. Quico entendía que unha lingua só é plenamente lingua cando pode expresar toda a experiencia humana, tamén a dimensión relixiosa e simbólica dun pobo.

Pero se cadra a súa obra máis visible foi a Fundación Penzol. Suceder a Fernández del Riego non era unha tarefa menor. Facelo con naturalidade, sen estridencias e consolidando a institución durante máis dunha década, ten aínda máis mérito. Entre 2010 e 2021, Quico Domínguez exerceu unha dirección serena e eficaz, impulsando a modernización da Fundación, a dixitalización dos seus fondos e a apertura a novas xeracións de investigadores. A Penzol é moito máis ca unha biblioteca. É unha parte esencial da memoria cultural de Galicia, un depósito da nosa identidade colectiva. Quico comprendeu perfectamente esa misión. Soubo combinar o respecto polo legado recibido coa necesidade de adaptar a institución aos novos tempos. Fíxoo, ademais, cunha concepción profundamente integradora do galeguismo: aberta, dialogante e afastada de dogmatismos. Nun tempo de polarizacións e ruídos, el representaba outra maneira de estar na vida pública. Crente sen clericalismos, nacionalista sen sectarismos, intelectual sen arrogancia. Quizais por iso deixou amigos en espazos moi diferentes. O seu galeguismo era, sobre todo, un exercicio de responsabilidade moral.

Tamén a Editorial Galaxia formou parte dese compromiso sostido co país. Como accionista e conselleiro, participou desa longa tradición de persoas que entenderon que a cultura galega precisa institucións sólidas, proxectos compartidos e continuidade histórica. Hai vidas que non precisan xestos grandilocuentes para deixar pegada. A de Francisco Domínguez Martínez foi unha delas. A súa obra está nas institucións que axudou a fortalecer, nos libros que contribuíu a facer posible, na memoria cultural que preservou e, sobre todo, no exemplo persoal dunha coherencia pouco frecuente. Nun país necesitado de referentes serenos, Quico Domínguez representou a elegancia moral do galeguismo. E iso, co paso do tempo, acaba sendo unha das formas máis fondas de permanencia.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...