O Real Club Náutico Portosín reúne esta fin de semana á elite galega do Wingfoil

14 Maio 2026

O Real Club Náutico Portosín volverá converterse esta fin de semana no epicentro do Wingfoil galego coa celebración do Campionato Galego da especialidade nas augas da Ría de Muros e Noia.

A entidade portosinense, pioneira en Galicia nesta modalidade, organiza por segundo ano consecutivo a competición autonómica dunha disciplina cada vez máis espectacular e con maior presenza no panorama náutico. O campionato disputarase os días 16 e 17 de maio e reunirá aos principais especialistas galegos desta clase de vela voadora.

Foto Juan Caballero

A presentación oficial do evento celebrouse este mércores nas instalacións do club, nun acto encabezado polo presidente da entidade, José Codesido, acompañado polo concelleiro de Deportes de Porto do Son, Carlos Lorenzo; o presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; así como representantes do club e doutras entidades colaboradoras.

Durante a presentación, Codesido destacou que a cita “supón consolidar a Portosín como un dos grandes referentes dos deportes náuticos en Galicia” e puxo en valor as condicións da ría para a práctica da vela e das novas disciplinas foil.

A competición compartirá protagonismo con outras probas de Optimist, ILCA e vela adaptada da clase Hansa, convertendo a fin de semana nun amplo escaparate do deporte náutico galego. O comodoro do club, Miguel Reboreda, subliñou precisamente esa convivencia entre modalidades “desde o deporte adaptado ata a vela extrema”.

Pola súa banda, o director deportivo do club, Sergio del Río, explicou que a organización adaptou as instrucións da regata ás previsións meteorolóxicas co obxectivo de garantir o maior número posible de mangas. Os regatistas de Wingfoil deberán completar nove probas para validar o Campionato Galego.

O Wingfoil é unha das disciplinas máis innovadoras e rápidas da vela actual. Os deportistas navegan sobre táboas equipadas cun foil que eleva a embarcación sobre a auga, reducindo practicamente o rozamento e permitindo alcanzar grandes velocidades impulsados por unha vela manual.

Outros artigos

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...