A Asociación de Amas de Casa de Ribeira, coa colaboración do Concello, continúa consolidando o seu compromiso co Camiño de Santiago, convertendo esta iniciativa nun proxecto anual que combina convivencia, actividade física e enriquecemento cultural.
A experiencia iniciouse en 2022 coa ruta “A Orixe” , sendo a primeira asociación en realizar este itinerario e marcando así unha proposta pioneira que non deixou de crecer. En 2024 completaron o tramo entre O Cebreiro e Santiago de Compostela, mentres que en 2025 percorreron o traxecto entre Tui e a capital galega.

Este ano deron un paso máis ao completar o percorrido Santiago de Compostela–Fisterra, nunha actividade desenvolvida ao longo de sete domingos consecutivos, desde o 15 de marzo ata o 26 de abril. O custo foi de 100 euros para as persoas socias e de 125 euros para as non socias. En total participaron 40 persoas que partían en autobús desde Ribeira, ás que se sumaban dous máis en Boiro e outras dúas en Vilagarcía de Arousa. Cada etapa tivo unha media de entre 14 e 18 quilómetros, salvo a última xornada, na que se percorreron uns 9 quilómetros entre Sardiñeiro e o destino final, para culminar cunha comida de fraternidade.
En cada edición participan persoas de distintas idades, desde mozos de 13 anos ata adultos de entre 40 e 70, favorecendo o intercambio de experiencias e reforzando os lazos comunitarios. Esta diversidade contribúe a crear un ambiente próximo e familiar, onde cada etapa vívese como unha experiencia compartida.
Desde a Asociación destacan que, máis aló do reto físico, o Camiño converteuse nunha oportunidade para fortalecer valores como a cooperación e o compañeirismo. Ano tras ano, o grupo non só crece en número, senón que se consolida como unha auténtica familia que avanza unida.
De cara ao futuro, a entidade reafirma a súa intención de seguir organizando novas rutas e sumando participantes. Entre as próximas propostas atópase a posibilidade de realizar o Camiño Inglés, desde Ferrol ata Santiago de Compostela, unha iniciativa que será comunicada con antelación a todas as persoas socias, como é habitual.



