O programa “Rois no camiño das Letras Galegas” encherá maio de música, literatura, deporte e teatro

28 Abril 2026

O Concello de Rois presentou a programación de Rois no camiño das Letras, a iniciativa cultural coa que celebra o mes das Letras Galegas, que ao longo de maio encherá o municipio de propostas para todos os públicos, combinando tradición, creación contemporánea e dinamización da lingua galega.

O extenso programa desenvolverase entre o 8 e o 31 de maio, en paralelo á celebración das festas patronais do Santo Isidro Labrador, e permitiralles a veciñanza e visitantes gozar, de balde, de música, literatura, deporte, teatro e dunha exposición.

A iniciativa botará a andar o venres 8 de maio coa celebración do Serán da Lingua, unha cita coa música tradicional que terá lugar no campo da festa de Rois desde as 18.00 horas e que contará coa participación das agrupacións Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima; as Cantareiras das Amas de Casa de Rois; as Repeniqueiras de Urdilde; as Pandeireteiras de Ermedelo; Pan de Tres; a Asociación Cultural Rosalía de Castro de Padrón e a Escola Municipal de Pandeireta de Brión. A xornada rematará cunha gran chocolatada.

A seguinte cita destacada será o domingo 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, coa celebración da VII Andaina do Santo Isidro Letras Galegas. A actividade inclúe un percorrido de 11 quilómetros con coplas da tradición oral de Rois. A recollida de dorsais será ás 8.30 horas e a saída ás 10.00 horas desde o polideportivo de Urdilde. As inscricións permanecerán abertas ata o 13 de maio en www.emesports.es.

A música volverá ser protagonista a finais de mes cos Concertos de Primavera da Escola municipal de música de Rois, que se celebrarán no auditorio os días 30 e 31 de maio ás 19.00 horas.

No ámbito expositivo, o edificio multiúsos acollerá ao longo do mes unha mostra dedicada á autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026, a xornalista e escritora viguesa Begoña Caamaño, contribuíndo así á divulgación da súa obra e figura.

A programación complétase co Certame Literario Lois Aldegunde, aberto a relatos breves e poesía, cuxo prazo de presentación de traballos permanecerá aberto ata o 30 de setembro.

Centros educativos

Dentro da iniciativa Alinguamos cos centros educativos, o Concello inclúe na programación de Rois no camiño das Letras diversas iniciativas dirixidas ao alumnado do municipio. 

É o caso dos espectáculos teatrais Nas nubes, de Redrum Teatro; A maxia dos libros, unha representación única onde Nami e O Mago da Boina dan vida a diversos fragmentos dos libros de Crónicas do Mago Errante, e O monstro de cores, da compañía A Xanela do Maxín, que serán no Auditorio Municipal os días 18, 20 e 22 de maio.

A iniciativa Rois no camiño das Letras Galegas conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e enmárcase nas actividades de dinamización lingüística impulsadas a nivel local.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...