En marcha unha iniciativa para recoñecer en Ribeira a memoria e o legado de Francisco Domínguez, Quico

24 Abril 2026

Co inicio do novo ano púxose en marcha en Ribeira unha iniciativa para recoñecer, lembrar e homenaxear a figura do enxeñeiro industrial, investigador e intelectual galeguista Francisco (Quico) Domínguez, veciño do Pombal (Santa Uxía) recentemente falecido. A proposta, que xa conta con múltiples apoios de entidades culturais e colectivos locais, foi impulsada por Xosé Manuel e Pura Gago Domínguez, sobriños de Quico Domínguez, xunto con Andrés Fariña Cadenas, amigo persoal de Quico, e por Santos Oujo Bello (presidente fundador do Ateneo Valle-Inclán, con sede en Ribeira).

A iniciativa consiste nunha solicitude ao Concello de Ribeira para que sexa dedicado un espazo público a Quico Domínguez no barrio onde viviu a súa nenez e xuventude antes de marchar a estudar a Vigo e posteriormente a Bilbao.

“Cremos que Quico ben o merece, tendo en conta a súa paixón e entrega ao longo de toda a súa vida, tanto á lingua e á cultura galegas como a labores de axuda ás persoas máis necesitadas. Desexamos todos profundamente poder crear este pequeno e, á vez, grande espazo do galeguismo en Ribeira”, sinalan os impulsores da iniciativa, que, malia a cifra importante de apoios xa conseguidos fan un chamamento a seguir pechando fileiras arredor da súa proposta e lograr novas adhesións.

Entre entidades que xa comunicaron a súa adhesión á iniciativa inclúense (entre outras) a Asociación Ateneo Valle-Inclán, Cáritas de Ribeira, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Editorial Galaxia, a Fundación Penzol -que presidiu o propio homenaxeado-, a Fundación Xaime Isla, Cáritas Tui-Vigo, a Editorial SEPT (Seminario de Estudos, Publicacións e Traballos) ou o Centro Galego Bizkaia-Barakaldo,

Tamén, a título individual, persoeiros locais da cultura como o teólogo de Aguiño Andrés Torres Queiruga, os sacerdotes Cesáreo Canabal e Alfonso Mera (ex-párroco e párroco actual de Santa Uxía), o historiador e xornalista Xosé María Fernández Pazos, o escritor, historiador e profesor Carlos Callón, e o tamén xornalista Fernando Sarasketa. Amais, sumouse á proposta o sacerdote e doutor en Teoloxía Xosé Fernández Lago, con quen Quico Domínguez traballou na tradución da Biblia ó galego, directamente das linguaxes orixinarias.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...