O Goberno investiu máis de 523.000 euros en Carnota para reforzar a protección do litoral e mellorar os accesos

24 Abril 2026

O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, visitou este venres 24 de abril o concello de Carnota para comprobar o resultado das actuacións impulsadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico no litoral do municipio, acompañado polo alcalde, Juan Manuel Saborido, e polo xefe da Demarcación de Costas de Galicia, Carlos Gil.

Durante a visita, Julio Abalde destacou a importancia dunhas intervencións que suman un investimento total de 523.807 euros, entre os traballos realizados na praia de Carnota e a mellora do acceso en Portocubelo.

“O Goberno continúa avanzando nun modelo de costa máis sostíbel, accesíbel e preparada para os efectos do cambio climático”, afirmou, engadindo que “investir na protección do litoral é investir no patrimonio natural, na seguridade e no futuro dos nosos concellos costeiros”, sinalou Julio Abalde

Na praia de Carnota, integrada na Rede Natura 2000 e considerada a máis extensa de Galicia cos máis de sete quilómetros de lonxitude, executáronse actuacións orientadas á conservación do sistema dunar e á ordenación dos accesos peonís nas zonas de Caldebarcos, Boca do Río, Carnota e Mallou. Os traballos incluíron a retirada de especies exóticas, novos peches con corda para canalizar os accesos e medidas para limitar a entrada de vehículos.

Ademais, renovouse o acceso central ao areal coa retirada da antiga pasarela e a construción dunha nova infraestrutura de madeira elevada sobre a marisma, deseñada para resistir mellor as inundacións provocadas por grandes preamares e fenómenos meteorolóxicos adversos.

No conxunto da actuación na praia construíronse máis de 1.300 metros cadrados de pasarelas, preto de 892 metros lineais de peches con corda e instaláronse elementos para impedir accesos indebidos de vehículos. O investimento nesta intervención ascendeu a 462.277 euros.

En Portocubelo levouse a cabo a adecuación dun novo acceso no dominio público marítimo-terrestre mediante unha senda peonil de 70 metros de lonxitude e dous metros de ancho, conectando a zona portuaria coa Caseta Musealizada de Pepe do Cuco e co resto de sendeiros costeiros.

Nesta actuación construíuse unha pasarela de madeira elevada sobre a rocha, pavimento de lastras de pedra e bordo de granito na conexión final, así como novas varandas de madeira. O investimento destinado a esta mellora foi de 61.530 euros.

Julio Abalde lembrou ademais que esta intervención se enmarca no investimento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que permitirá restaurar 33,9 quilómetros de áreas e ecosistemas degradados da costa da Coruña. O programa abrangue actuacións en nove praias e sistemas dunares situados nos concellos de Ortigueira, Valdoviño, Ferrol, Carballo, Laxe, Muxía, Carnota e Porto do Son, cun orzamento global de 2.558.652,90. Entre os espazos incluídos figuran Morouzos, en Ortigueira; Vilarrube, Valdoviño; San Xurxo, Ferrol; Baldaio, Carballo; Soesto e Traba, Laxe; Nemiña, Muxía; Carnota, Carnota; e Xuño, Porto do Son.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...