PLADEMAR fai un chamamento a aproveitar a “oportunidade histórica” do vencemento da concesión dos tres saltos do Tambre

15 Abril 2026

Este mércores 15 de abril a plataforma medioambiental da contorna de Muros e Noia PLADEMAR presentou alegacións polas présas do Tambre.

Explican que a concesión de Naturgy sobre os tres saltos do río Tambre caducou e que Augas de Galicia abriu un prazo de información pública, ante o que, segundo din, cómpre que “non fiquemos calados” logo de “anos de desencoros descontrolados, anos de mortaldades de bivalvos e anos de silencio administrativo”.

PLADEMAR esixe así unha xestión pública dos encoros do Tambre, e se isto non é posíbel “cláusulas duras, multas reais e indemnizacións directas para as persoas mariscadoras”.

Explican tamén que a concesión agora vencida abre “unha oportunidade histórica que non podemos deixar pasar”.

Segundo fan saber con máis detalle “durante anos os desencoros realizados polas empresas concesionarias sen coordinación coas mareas e sen aviso previo provocaron avalanchas de auga doce que baixaron a salinidade da ría, depositaron lodos sobre os bancos marisqueiros e causaron mortaldades masivas de bivalvos”, e isto foi denunciado por PLADEMAR ante Augas de Galicia en 2023 e en 2024, e mesmo foron á Valedora do Pobo en 2025. “A resposta foi sempre o silencio”, denuncian.

Opcións posíbeis

-Que os saltos Tambre I, II e III revertan á xestión pública. Os beneficios de explotar os nosos recursos naturais deben quedar en Galicia e servir ao ben común, non engrosar as contas dunha multinacional.

-Se se opta por nova concesión privada: que o prego de condicións inclúa protocolos obrigatorios de desencoro, aviso previo de 24 horas ás confrarías, cumprimento estrito dos caudais ecolóxicos e participación do sector marisqueiro nas comisións de xestión. En calquera caso: multas de verdade, proporcionais ao tamaño da empresa, e indemnizacións directas para as mariscadoras e mariscadores cando os incumprimentos lles causen danos.

Outros artigos

Proseguen os traballos de extinción do lume de Ribasieira (O Son)

Este martes 22 de setembro segue activo o lume forestal do concello de Porto do Son, orixinado e focalizado (polo de agora) na parroquia de Ribasieira, nun lugar de difícil acceso que pola súa complicada orografía e pola precariedade dos accesos motivou onte o...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.