A Xunta de Galicia acordou declarar Ben de Interese Cultural (BIC) do patrimonio inmaterial o xogo dos birlos, recoñecendo así o seu valor como unha das prácticas tradicionais máis representativas da historia e identidade galega.
A decisión foi adoptada no Consello do Goberno galego e farase oficial nos vindeiros días coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Con este novo recoñecemento, a comunidade suma xa 797 bens catalogados como BIC.

O expediente destaca o forte compoñente identitario desta actividade, así como a súa capacidade para fomentar a sociabilidade, a integración e valores como o compañeirismo ou a cooperación. Ademais, trátase dun xogo accesible, que favorece o desenvolvemento de habilidades como a memoria e o razoamento lóxico.
O xogo dos birlos, tamén coñecido como bolos galegos ou bolos celtas, consiste en lanzar ou facer rodar unha bóla para derrubar unha serie de pezas, combinando precisión, forza e coordinación. Esta práctica estivo historicamente espallada por toda Galicia, con diferentes modalidades segundo a zona, como os bolos do Val Miñor, do Barbanza, de Xove ou de Viana do Bolo, entre outros.
O decreto tamén subliña que esta tradición foi transmitida de xeración en xeración de forma oral e a través da propia práctica, aínda que na actualidade se atopa nun momento delicado pola diminución de xogadores e do coñecemento asociado, o que incrementa o risco de perda das súas variantes locais.
Historicamente, o xogo desenvolveuse principalmente no ámbito rural, celebrándose en prazas e espazos públicos, moitas veces ligado ás festas parroquiais e como punto de encontro social. Co paso do tempo, e especialmente coa emigración galega, esta práctica espallouse a países como Arxentina, Uruguai, Cuba, México ou Chile, onde aínda hoxe se mantén viva en centros galegos.
Co obxectivo de preservar e impulsar esta tradición, en 1988 creouse a Federación Galega de Bolos, que incorporou posteriormente o xogo tradicional dentro da súa actividade.
A declaración como BIC supón un paso clave para garantir a protección, difusión e continuidade dunha das manifestacións culturais máis singulares do patrimonio inmaterial de Galicia.



