O Concello da Pobra impulsa o programa Móvete! 2026 para favorecer a conciliación familiar no verán

10 Abril 2026

A concelleira de Igualdade da Pobra do Caramiñal, Estefanía Ramos, presentou unha nova edición do obradoiro de verán Móvete!, unha iniciativa orientada a favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante os meses estivais que permitirá á rapazada desfrutar dun espazo para aprender pasándoo en grande.

Tal e como destacou a edil, este programa responde “ao compromiso do Concello coa conciliación, ofrecendo alternativas que poidan facilitarlles ás familias a organización do día a día ao tempo que se promove un ocio activo para os pequenos e pequenas baseado en valores de igualdade, inclusión e respecto”.

Neste sentido, a programación de actividades terá un marcado carácter coeducativo e inclusivo, incorporando a perspectiva de xénero como eixo transversal en todas as propostas. A rapazada poderá participar en propostas diversas nas que se inclúen talleres de teatro, expresión corporal, plástica e musical; actividades lúdicas con múltiples e variados xogos; actividades manipulativas; e tamén deportivas, con baile, baloncesto, fútbol, etc.

O programa

O obradoiro desenvolverase no CEP Salustiano Rey Eiras en horario de 9.00 a 14.00 horas e está dirixido a crianzas de entre 3 e 12 anos (nadas entre o 2014 e o 2022). O programa estrutúrase en varios períodos que abranguen: do 22 ao 30 de xuño, do 1 ao 31 de xullo, do 1 ao 31 de agosto e do 1 de setembro ata o día laboral anterior ao inicio das clases.

No relativo aos custos, a normativa de prezo público establece unha cota de 70 euros por persoa e mes para os períodos de xullo e agosto, mentres que os períodos non lectivos de xuño e setembro terán un custo de 15 euros cada un. A estes prezos aplicarase unha redución do 50 % para o segundo irmán ou irmá inscrito e a gratuidade no caso do terceiro.

Ademais, o programa contará con servizos de madruga e comedor para, así, adaptase mellor ás necesidades de conciliación das familias participantes.

Os prazos

O prazo de solicitude iniciarase unha vez as bases sexan publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e permanecerá aberto ata o 5 de maio. As solicitudes poderán presentarse tanto a través da sede electrónica como de forma presencial na oficina do Rexistro do Concello, de luns a venres, en horario de 09:00 a 14:00 horas. Será necesario achegar a ficha de inscrición, unha copia do DNI da nai, pai ou titor/a legal, da tarxeta sanitaria do menor e a documentación complementaria recollida nas bases.

Unha vez rematado o prazo de inscrición, a lista provisional de persoas admitidas publicarase o 19 de maio. O prazo para efectuar o pagamento das taxas estenderase dende este mesmo día ata o 27 de maio e deberá realizarse mediante o documento oficial facilitado polo Concello a través da páxina web, redes sociais e Servizo de Igualdade. Tras efectuar o pagamento, será necesario presentar o xustificante correspondente a través da sede electrónica ou na oficina do Rexistro. No caso de que este non se realice dentro do prazo establecido, entenderase que a persoa solicitante renuncia á praza.

A lista definitiva das persoas admitidas publicarase o mércores 10 de xuño no taboleiro de anuncios da sede electrónica e na oficina do Rexistro.

Para obter máis información, as persoas interesadas poden chamar ao 981 832 764, nas extensión 5 ou 6, ou enviar un correo electrónico a igualdade@apobra.gal.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.