Compostela acolle unha mobilización en defensa dos dereitos do colectivo trans

29 Marzo 2026

Santiago de Compostela foi escenario este domingo dunha manifestación en defensa dos dereitos do colectivo trans, que reuniu a numerosas persoas nun percorrido reivindicativo polo centro da cidade.

A marcha partiu da Praza 8 de marzo e avanzou por distintas rúas como Virxe da Cerca, praza de Galicia, rúa da Senra e rúa do Vilar, ata rematar na Praza do Obradoiro. Durante o traxecto, as persoas participantes corearon consignas en defensa dos dereitos trans e contra a transfobia.

Ao inicio da mobilización, a portavoz Alicia Arruti explicou que a convocatoria responde, entre outros factores, ao incremento de agresións recentes. Tamén puxo o foco na situación das persoas non binarias e migrantes, que —segundo indicou— sofren unha dobre discriminación, así como nas dificultades administrativas para o cambio de documentación.

Arruti criticou ademais a actuación do Partido Popular de Galicia e da Xunta de Galicia, aos que acusou de non atender as demandas do colectivo, e reclamou a actualización do protocolo educativo conforme á lexislación estatal aprobada en 2023.

Durante a marcha, outras persoas participantes coincidiron na necesidade de seguir avanzando en dereitos e recoñecemento social, sinalando que aínda existen importantes retos en ámbitos como o laboral, o sanitario e o educativo. Tamén destacaron a importancia da visibilidade e do apoio social ao colectivo.

A mobilización concluíu na Praza do Obradoiro coa lectura dun manifesto no que se fixo fincapé na necesidade de manter a presión social para evitar retrocesos nos dereitos conquistados. O texto abordou cuestións como a situación das persoas trans migrantes e racializadas, a falta de recoñecemento legal das persoas non binarias ou as limitacións existentes no caso das infancias trans menores de 12 anos.

Entre as principais demandas figuran a garantía de protección legal efectiva, o acceso pleno á sanidade, educación e emprego, a reforma do protocolo educativo en Galicia, a formación específica para profesionais e o recoñecemento legal das persoas non binarias e menores.

A xornada contou co apoio de diversas organizacións sociais, sindicais e políticas, e rematou cun chamamento a continuar a mobilización baixo a premisa de que os dereitos trans son dereitos humanos.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Eu son unha persoa seria, non coma outros” – Antón Luaces

“Eu son unha persoa seria, non coma outros” – Antón Luaces

A frase é do expresidente do Goberno socialista Felipe González Márquez. Rotundo, seguro, sabedor do que foi e do que é?. Pode que si.  Díxoo despois de que o expresidente do Congreso, José Bono, explicara nun mitin que non fixera o parvo, que a el o PSOE débelle...

“Alfredo Sánchez Carro”. Xulio Xiz

“Alfredo Sánchez Carro”. Xulio Xiz

Que dificil, Alfredo, ter as palabras xustas para despedirte.Pero como o teu eran as palabras e obras, e se as obras son amores, ás obras me vou a referir, para que os lucenses as recorden; para que os lucenses te recorden. El Progreso Lembras, Alfredo, - lembrabas, e...