O Concello de Boiro e a CRMHB homenaxearán aos boirenses fusilados en Boisaca no 1937

17 Febreiro 2026

O Concello de Boiro colabora coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza (CRMHB) na organización, os días 21 e 22 de febreiro, dunhas xornadas en homenaxe ás persoas boirenses fusiladas. O alcalde, José Ramón Romero, participou na presentación dos actos xunto con Carlos Cimadevila, presidente da Comisión, e outros membros da entidade.

O programa das xornadas comeza o sábado 21 de febreiro ás 11.00 horas no Pazo de Goiáns coa inauguración institucional seguida dunhas conferencias históricas. Antonio Míguez falará de A Represión franquista en Boiro e na comarca do Barbanza (1936-1939) e Xosé Deira e Rocío L. Yáñez falarán sobre As vítimas boirenses de Boisaca: biografías e contexto histórico. Logo dun diálogo con familiares das vítimas e investigadores locais realizarase un roteiro polos lugares da memoria de Boiro.

O acto central de homenaxe será o domingo día 22 no Cemiterio de Boisaca, en Santiago, ás 12.00 horas coa inauguración dun monumento memorial e unha ofenda floral na que participarán o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e tamén a alcaldesa de Santiago, Goretti Samartin, acompañados dos familiares das vítimas e membros da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica.

“Trátase dunha xornada á memoria concreta de vidas truncadas pola represión franquista” afirmaron dende a CMHB. Vaise homenaxear a Rodrígo Álvares Gantes, Braulio Castro Gallardo, Ramón Lojo Agrelo, José Maceiras Vilasó, Santiago Miranda Lago, Juan Outeiral Outeiral, Juan Bautista Torrado e Gerardo Piñeiro Piñeiro.

Os fusilamentos de veciños de Boiro no Cemiterio de Boisaca constitúen un dos episodios máis significativos da represión franquista exercida contra a veciñanza do Barbanza durante a Guerra Civil.

O alcalde, José Ramón Romero, agradeceu o traballo da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza para a organización “este acto de xustiza e recordo a estes boirenses fusilados, recordar de onde vimos porque é a única maneira de que non volva acontecer”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...