O BNG de Outes emitiu un comunicado, a través do seus responsábeis, Anxo Núñez e Sol Agra, no que critica duramente as obras previstas polo Concello no núcleo de Tarás, ás que cualifica de “chapuza”.

Auditorías da rede de abastecemento e saneamento
Relatan que o pasado 8 de xaneiro celebrouse un pleno extraordinario no Concello de Outes, onde se levaron para a súa aprobación dous expedientes relativos ás auditorías da rede de abastecemento de auga e de saneamento, así como o plan de medidas correctoras asociadas ás mesmas. Ditas auditorías, sinala o BNG, teñen como obxectivo detectar fallos nos sistemas actuais e permitir ao Concello optar a novas liñas de financiamento para executar os traballos necesarios. Lembran no comunicado que “a auditoría de abastecemento chegou a Outes no mes de setembro do ano 2024, orientada a minimizar as perdas de auga na rede municipal”. Segundo o portavoz do BNG, Anxo Núñez, tratábase “dun trámite iniciado polo anterior executivo para dar conta do estado real da rede e que o actual alcalde teno gardando nun caixón durante un ano”.
Segundo o portavoz do BNG, “O saneamento e a depuración de augas residuais é un tema que dende o BNG levamos moitos anos poñendo enriba da mesa. Ante unha rede abandonada por completo tras moitos anos de xestión do PP, os primeiros pasos foron o arranxo da depuradora principal, da depuradora de Cando e outras actuacións semellantes. Agardamos que o Partido Popular non volva ao abandono ao que nos tiñan acostumados e continúen nesta senda”.
Núñez engade que “esta auditoría amosa deficiencias que levan dende os gobernos do Partido Popular e que debido ao gran custo económico que implica aínda non dera tempo a solucionar”. Así mesmo, subliña que “actualmente a actuación máis urxente é poñer fin todos os vertidos existentes na vila”.
O caso de Tarás
O BNG di que entre as actuacións recollidas na auditoría destaca a desconexión de augas de drenaxe da rede de saneamento desde Tarás, coa finalidade de solucionar os graves problemas de entrada de augas limpas na rede de saneamento. Para iso proponse a execución dunha nova rede de pluviais, como mínimo no tramo indicado, na que se incorporen todas as acometidas e drenaxes actualmente conectadas ao saneamento. Esta nova rede terá un custo estimado de execución de 325.000 euros, permitindo evitar a entrada duns 200.000 m3 anuais de augas brancas na rede de saneamento, reducindo así a sobrecarga da depuradora.
Para o BNG resulta “especialmente preocupante” que esta actuación coincida xustamente co tramo da rúa de Tarás onde no mes pasado se aprobou, dentro do POS, a pavimentación do viario O Rego–Tarás por un importe de 81.278,08 euros. Tal e como expuxo o portavoz do BNG, “trátase do mesmo treito no que sería necesario separar as augas pluviais da rede de saneamento, polo que o Concello vai asfaltar unha vía que posteriormente terá que ser levantada para cambiar a tubaxe, provocando un gasto innecesario de cartos públicos”. E engade: “Non é o máis eficiente botar asfalto a unha estrada e, ao pouco tempo, rompela para arranxar un problema que xa sabemos que está aí”.
Salienta tamén que “no POS aprobado o pasado mes de decembro, non se contempla ningunha partida para executar previamente esta separación de augas, a pesar de que a auditoría está asinada meses antes. Esta situación amosa unha improvisación absoluta do Partido Popular ou, no peor dos casos, un claro síntoma de que non teñen intención de solucionar un problema relevante na rede de saneamento.
O grupo municipal do BNG en Outes solicitou no pasado pleno que “se tomen medidas para evitar esta sucesión de asfaltar, romper e parchear” e fixeron “un chamamento ao sentido común e ao bo facer da xestión municipal, reclamando coherencia entre os proxectos aprobados e as necesidades reais detectadas nas auditorías, para garantir unha xestión responsábel dos recursos públicos”.




