O Concello de Meis e Amicos traballarán na inserción laboral de persoas con discapacidades

27 Xaneiro 2026

A alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, e o coordinador da asociación da nosa comarca Amicos, Keltoi Cameán, asinaron este martes, 27 de xaneiro, un convenio de colaboración destinado a mellorar a atención e inserción laboral de persoas con discapacidade e/ou en situación de vulnerabilidade no municipio. Grazas a este acordo, o Concello de Meis facilitará o acceso a estes recursos á cidadanía, que serán xestionados pola asociación Amicos, entidade cunha ampla e recoñecida experiencia no ámbito da inclusión sociolaboral. En concreto, a asociación inclusiva do Barbanza porá a disposición das persoas beneficiarias un servizo integral de orientación laboral, así como un amplo abanico de formación gratuíta para o emprego, a través do seu orientador laboral, Rubén Lemos, co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade e favorecer a súa inserción no mercado de traballo.

Giráldez destacou que “a partir de agora Amicos contará cun local en Paradela no que atenderá a persoas con discapacidade, e dende onde fará unha labor de prospección e orientación laboral para axudalas a incorporarse ao mercado laboral. A verdade é que estamos moi contentos, para nós é moi importante darlle este uso a ese local; agradecemos á asociación Amicos por pensar en nós para ofrecer este apoio, dirixido non só a persoas de Meis senón tamén de toda a contorna. Esperamos que nun tempo falemos de éxito no apoio de persoas”.

As persoas interesadas en participar neste servizo ou recibir máis información poden contactar con Amicos a través do correo electrónico persoas@amicos.org ou no teléfono 674 095 685.

Con esta iniciativa, o Concello de Meis reafirma o seu compromiso coa igualdade de oportunidades, a inclusión social e o apoio ás persoas con maiores dificultades de acceso ao emprego.

No último ano, o servizo de Formación e Emprego da entidade barbanzá apoiou laboralmente a preto de 2.000 persoas, das que 800 participaron en distintas formacións impartidas pola entidade. En canto a inserción laboral, acadou as 500 persoas inseridas. Amicos ofrece este servizo en distintos puntos de Galicia e Estremadura, un apoio que na provincia pontevedresa sumou este ano á comarca de Arousa a unha rede xa asentada. Ata o de agora, alí a entidade estaba só presente na zona de influencia da cidade de Pontevedra e nas comarcas de Deza – Tabeirós.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.