Case unha decena de organizacións feministas da comarca formarán parte da Coordinadora Local da Marcha Mundial das Mulleres

26 Xaneiro 2026

Barbanza gaña peso no mapa feminista galego coa creación da Coordinadora Local da Marcha Mundial das Mulleres de Barbanza. As asociacións Mulleres en Acción, Mulleres en Loita, As Malas Herbas, As Púrpuras, Galiza Nova Barbanza, Asemblea Intercomarcal de Mulleres do BNG da Barbanza e de Muros-Noia e a Secretaría das Mulleres da CIG As Rías anunciaron este xoves pasado a creación da Coordinadora Local da Marcha Mundial das Mulleres na comarca.

Nun acto realizado no Ateneo Valle-Inclán, representantes de todas as organizacións involucradas convidaron á veciñanza a unirse á loita polos dereitos das mulleres.

O obxectivo desta Coordinadora Local, apunta Iria Casais, unha das portavoces do colectivo, “é ofrecer unha perspectiva local e próxima dunha problemática global xuntando nun só espazo organizacións feministas cunha grande implantación na comarca”. Deste xeito, engade, a plataforma preséntase como un espazo de encontro entre persoas de calquera idade e contexto social que desexen erguer a voz contra a violencia de xénero e a desigualdade: “Buscamos levar a voz de todas as barbancesas aos espazos públicos, dende as prazas e as rúas, ata os centros de traballo e as institucións, porque sabemos que os dereitos só se conquistan loitando”, asegura Casais.

Convocatorias a manifestacións, actos culturais e coloquios informativos serán algunhas das ferramentas utilizadas por este colectivo para converter a comarca nun referente na loita contra todas as formas de violencia de xénero. Para a portavoz, a Coordinadora Local da Marcha Mundial das Mulleres da Barbanza “xorde como un espazo de reflexión que se ergue contra o medo, o silencio e o negacionismo con organización, sororidade e acción colectiva”. Por último, as convocantes pecharon o acto animando ás veciñas e veciños a unirse á plataforma “formen xa parte doutro colectivo ou non” e a seguir as redes socias da coordinadora, nas que se irán anunciando as diferentes actividades.

A Marcha

A Marcha Mundial das Mulleres é un movemento internacional de accións feministas que reúne grupos, organizacións de base e mulleres que traballan para eliminar as causas da pobreza e da violencia contra as mulleres.

Loitan contra todas as formas de desigualdade e discriminación cara ás mulleres. “Os nosos valores e accións oriéntanse a un cambio político, económico e social; os mesmos que se centran na globalización da solidariedade, na igualdade entre mulleres e homes, entre as propias mulleres e entre os pobos; o respecto e recoñecemento da diversidade entre as mulleres; na multiplicidade das nosas estratexias; na valorización do liderado das mulleres, e no fortalecemento de alianzas entre as mulleres e outros movementos sociais progresistas”, explican.

Nacida do desexo de reunir ás mulleres do mundo en torno a un proxecto común, impúxose rapidamente como un movemento mundial despois da organización da Marcha das Mulleres no ano 2000, dando ao movemento feminista a oportunidade de manifestarse e facerse ouvir en todas as esferas.

Outros artigos

Volve co Samaín o Claustro do Terror no Concello de Noia

Tras o éxito do ano pasado, regresa o II Claustro do Terror, que volverá converterse nun dos grandes protagonistas do Samaín de Noia. Novamente as persoas participantes terán que resolver un crime no Consistorio, e a resolución virá acompañada dun ambiente axeitado...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.