UCIN Galicia reprocha ao PSOE de Rianxo a apropiación das súas reivindicacións sobre a AG-11

21 Xaneiro 2026

UCIN Galicia expresou publicamente o seu malestar pola actuación do secretario xeral do PSOE de Rianxo, Óscar Rial, a quen acusa de reproducir como propias unhas reivindicacións sobre seguridade viaria que a organización levaba tempo defendendo de forma “constante e documentada”. Non obstante, a entidade recoñece- aínda que con reservas- que estas demandas alcanzasen finalmente visibilidade política.

Segundo explica UCIN Galicia, o pasado día 18 o seu coordinador na comunidade, José Luis Calo, trasladou aos medios de comunicación e difundiu a través das redes sociais a necesidade urxente de intervir na AG-11 e noutros tramos viarios, alertando dunha situación que cualificou de “límite” e que, ao seu xuízo, pon en risco vidas humanas. A organización asegura que ditas publicacións foron visualizadas polo propio Óscar Rial.

Apenas dous días despois, e tras o eco social xerado por esa denuncia, o dirixente socialista retería producido substancialmente as mesmas demandas, con lixeiros cambios de forma, presentándoas como unha iniciativa propia. Para UCIN Galicia, este comportamento non responde a un simple malentendido, senón que constitúe unha práctica “politicamente reprobable” que afecta á calidade democrática e ao respecto entre organizacións, institucións e cidadanía.

“Non se trata dunha cuestión de protagonismo, senón de honestidade política. Resulta especialmente decepcionante que un representante público, con coñecemento previo dunha reivindicación social lexítima, recorra a este tipo de prácticas para gañar visibilidade en lugar de recoñecer o traballo previo de quen levamos anos defendendo a seguridade viaria sen intereses partidistas” , sinalan desde a organización.

UCIN Galicia subliña que o seu labor non persegue réditos electorais, senón a defensa do interese xeral e, en particular, a protección de vidas humanas. “A nosa única axenda é a seguridade das persoas. Apropiarse dunha denuncia social sen citar a súa orixe empobrece o debate público, erosiona a confianza cidadá e desacredita a quen o fai” , engaden.

A pesar das críticas, a organización considera positivo que estas reivindicacións entrasen na axenda política, aínda que entende que ese paso debería terse dado desde a cooperación, o recoñecemento mutuo e o traballo conxunto, e non desde o oportunismo.

UCIN Galicia reitera a súa esixencia dunha intervención inmediata, seria e planificada na AG-11, así como noutros tramos que presentan deficiencias estruturais e riscos evidentes para a seguridade. Así mesmo, anuncia que continuará denunciando estas situacións con firmeza, apoiándose en datos contrastados e con responsabilidade social.

“Atendemos á cidadanía, non a intereses partidistas. Seguiremos traballando por unha Galicia máis segura, con estradas dignas e cunha política baseada na honestidade, a colaboración e o respecto” , conclúe a organización.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A lei é para todos… salvo para algúns?” – José Luis Calo

“A lei é para todos… salvo para algúns?” – José Luis Calo

Hai case oito séculos, as Sete Partidas de Alfonso X pretendían establecer unhas regras comúns para ordenar a sociedade. Hoxe vivimos nunha democracia con leis e mecanismos de control, pero segue vixente unha pregunta fundamental: de que serven as normas se quen debe...

“Indefensión frente a la nesciencia”. José Fernández Lago

“Indefensión frente a la nesciencia”. José Fernández Lago

Soy un ciudadano de a pie, que no entiendo el organigrama gubernativo. Cierto que me siento con el derecho de considerar que los que ostentan algún tipo de cargos deberían tener los estudios oportunos, y no simplemente facilidad para comunicarse entre ellos y para...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.