
A Consellería do Mar fixo balance da actividade xerada en 2025 por Gardacostas de Galicia en materia de loita contra o furtivismo e a pesca ilegal no litoral galego. Ao longo do exercicio realizáronse 9.704 inspeccións, retiráronse máis de 36.000 aparellos de pesca prohibidos e incautáronse 27.477 quilos de produto, principalmente marisco e peixe capturado de forma irregular. “Estes datos”, informou a Xunta, “poñen de manifesto o papel clave deste servizo público, —único no Estado e referente a nivel europeo— para garantir unha explotación responsábel dos recursos mariños e asegurar que os produtos do mar chegan aos mercados a través dos canles legais e con todas as garantías para os consumidores”.
Durante 2025, a maior parte da actividade ilegal detectada estivo vinculada á extracción de polbo e marisco, recursos de alto valor comercial e especialmente sensíbeis á presión furtiva. As actuacións de control concentráronse maioritariamente nas Rías Baixas, onde existe unha maior intensidade de actividade marisqueira, e reforzáronse especialmente nos meses de primavera e verán, períodos nos que se concentra a maior parte dos operativos e das infraccións. No marco destes operativos, retiráronse 16.769 nasas e 15.439 cacharros ilegais, así como máis de 167.000 metros de artes de enmalle, fundamentalmente miños e trasmallos, evitando un impacto significativo sobre os ecosistemas mariños e sobre a viabilidade futura dos recursos.
No balance faise saber tamén que “xunto ás funcións de inspección e control, Gardacostas de Galicia desempeñou tamén un papel destacado na defensa da rastexabilidade e da seguridade alimentaria, actuando en coordinación con outros departamentos da Xunta, cos servizos de saúde pública e coas forzas e corpos de seguridade do Estado”..
A Xunta subliñou que “este modelo de actuación integral, baseado na vixilancia, a prevención, a coordinación institucional e a proximidade ao sector, converte a Gardacostas de Galicia nun instrumento estratéxico das políticas marítimo-pesqueiras, clave para a conservación dos recursos, a legalidade da cadea mar-industria e o futuro dunha actividade sostible, segura e con garantías para a cidadanía”.



