“O xendarme do mundo decide o futuro de Venezuela e as súas reservas petrolíferas” – Antón Luaces

04 Xaneiro 2026

Donald Trump, descendente de europeos, non é cidadán estadounidense pola vía directa que tenta facer valer para os migrantes. Tampouco é estadounidense pola vía familiar Melania, a dona de Trump, nacida en Eslovenia (antiga Iugoslavia). De calquera xeito, nen el nen ela serán expulsados de USA como o foron -e supoño que o seguirán a ser- os venezolanos (entre outros) considerados migrantes irregulares que domean  o lombo en USA para beneficio das empresas deste país.

Donald -emparentado por nome cun sobriño do famoso multimillonario “tío Gilito”- máis que gobernante é, ao meu parecer, un comerciante barateiro que agora e sen complexos de pallaso trasnoitado bate as augas nunca mansas da política venezolana nunha intentona máis de facer ver que a súa é unha política tendente -como anunciara- a loitar pola paz e aspirante, engado con permiso, a ser o único presidente estadounidense que non “meteu” ao seu país nunha guerra. 

Porque atacar a Venezuela a pasada noite cando os seus habitantes descansaban, saltándose ao seu antollo a máis elemental norma de convivencia internacional, non é ilegal. Tampouco semella ser ilegal matar venezolanos sen esixir o requisito da previa declaración de guerra baseada nun motivo que a xustifique. O que importa  verdadeiramente son as enormes reservas petroleiras dun país, Venezuela, que acubilla no seu fermoso e vizoso territorio a milleiros de galegos que alí souberon ser cidadáns polo traballo arreo de migrantes desde o século XIX. 

Donald Trump, reconvertido en xendarme do mundo, non atacou -estou convencido- Venezuela por mor de estaren os seus cidadáns gobernados, probablemente, por un Nicolás Maduro que non foi reelixido presidente da Republica Bolivariana. O obxectivo non é outro que se facer cos pozos de petróleo que abundan nese país no que milleiros de galegos souberon facer realidade os seus soños a través do traballo constante e responsable. 

Nicolás Maduro xa é refén de Trump. E este será o reitor do destino dese país descabezado no que imperou o “chavismo” unipersoal que tanto amolou a quen, en USA, estableceu un goberno de titiriteiros asimesmo unipersoal que foi quen de mobilizar ao seu exército para demostrar que en EE.UU. hai que facer o que a el lle peta e quen non o acepte, ao cagarrón.

Presidente elixido por unha minoría de votantes que desenvolve porque sí o papel de xendarme do mundo e pretende impoñer o petróleo venezolano coma competencia directa ao de Rusia e os países árabes. 

Meu pobre mundo!. 

Outros artigos

“Desde la ventana del aula”. José Castro López

Cuenta Eduardo Infante en su libro Filosofía en la calle que, mientras explicaba un díala metafísica de Aristóteles en el instituto, advirtió que los alumnos tomaban notas ensus cuadernos. Pero al fondo de la clase estaba una chica sentada junto a una ventanaque no...

+

Publicidade

PEL
PEL

Revista en papel

Opinión