Máis de 4.000 persoas participaron o ano pasado en accións gratuítas de observación astronómica nas Illas Atlánticas

03 Xaneiro 2026

Un total de 4.032 persoas participaron o ano pasado nalgunha das actividades astronómicas gratuítas que se organizaron no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia co obxectivo de “diversificar o seu uso público e dar a coñecer entre os visitantes unha parte destacada dos seus recursos naturais, como é o ceo”. Por noveno ano consecutivo, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (como titular do parque) e a Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía (FEGAR) asumiron a dirección e coordinación das distintas accións de dinamización desenvolvidas entre os meses de xullo e setembro para promover os valores que desde o ano 2016 acreditan este espazo natural como destino turístico Starlight.

FEGAR contou coa colaboración e apoio loxístico do persoal do Parque Nacional no desenvolvemento das actividades, de carácter gratuíto e dirixidas a distintos sectores da poboación, incluído o público infantil.

Os destinos que contan con este selo —avalado pola UNESCO, apoiado pola Unión Astronómica Internacional, a Organización Mundial de Turismo e outorgado pola Fundación Starlight— son lugares visitábeis que gozan de condicións óptimas para a contemplación dos ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, resultan moi axeitados para as actividades turísticas centradas neste recurso.

Segundo explicou Medio Ambiente, a programación astronómica desenvolvida nas Illas Atlánticas o pasado verán incluíu observacións tanto diúrnas como nocturnas durante as que se puxo á disposición de todas as persoas participantes material óptico de última xeración e equipos electrónicos para garantir a mellor experiencia.

Durante a quenda de mañá as accións centráronse na observación solar co fin de achegar aos asistentes ao seu funcionamento interno e á importancia que ten na meteoroloxía planetaria así como a súa estreita relación co ciclo da vida terrestre.

A observación astronómica en sentido estrito desenvolverase polas noites, con charlas a cargo de expertos nas que se afondou nos veciños estelares máis próximos, nos calendarios astronómicos que empregaban as civilizacións antigas ou na información que nos aporta a luz que achegan.

A maiores realizáronse unha serie de actividades de exploración de corpos celestes dirixidas especificamente a nenas e nenos así como de observación de meteoritos, accións que tiveron como punto álxido a semana da chuvia de estrelas fugaces das Perseidas (as chamadas Lágrimas de San Lourenzo) no mes de agosto.

A programación chegou en todo caso aos catro arquipélagos aínda que a oferta concentrouse en Cíes e en Ons e, sobre todo, nos meses de xullo e agosto. As accións en Cortegada foron puntuais, con dúas charlas, e aínda que en 2025 tamén estaba programada unha en Sálvora, finalmente foi aprazada polas condicións meteorolóxicas.

Dende Medio Ambiente destacan que este ano os guías e o persoal de atención ao público do parque nacional recibiron un curso formativo sobre o eclipse solar total do 12 de agosto de 2026, un fenómenos que non se repite na Península Ibérica desde 1905 e que se poderá ver sobre todo no norte de España, sendo Galicia un dos lugares de observación idóneos.

Cómpre lembrar que o Parque Nacional das Illas Atlánticas é destino turístico Starlight desde 2016, de aí a importancia de actividades coma estas, que buscan difundir os valores do ceo nocturno do arquipélago e promover a observación das estrelas desde as illas. De feito, en 2026 renovarase a acreditación para que este espazo natural siga formando parte das zonas starlight recoñecidas en todo o mundo.

Ademais, a finais de 2015 tamén recibiu a Carta Europea de Turismo Sustentable (CETS) en recoñecemento ao seu compromiso activo cunha actividade turística de calidade. As accións de observación e divulgación astronómica programadas durante o verán enmárcanse nos obxectivos da CETS, que busca mellorar a calidade da oferta turística do parque, facéndoa compatible coa conservación dos seus valores naturais.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Compartir el éxito de la empresa”. José Castro López

“Compartir el éxito de la empresa”. José Castro López

Conté en comentarios anteriores la historia del italiano, Enzo Rossi, director de unafábrica de pasta, que en el año 2007 se asignó un sueldo de 1.000 euros al mes paraexperimentar en carne propia si era posible vivir con esa cantidad y comprobar así lascondiciones...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.