
Pode semellar que o papel desempeñado ata o de agora polos galegos a respecto dos montes e o aproveitamento que deles tirou o pobo, non é outra cousa que a probatura dun círculo que alguén trazou para determinar se as propiedades adquiridas ou herdadas -caso dos montes nos que un día se cavaba a roza coa picaraña e queimaban os terróns após arrincar as cañotas dos toxos cortados coa fouce- eran ou non válidas para rendibilizar o traballo realizado.
Caeron na conta de que o trigo da roza era un complemento do millo, a pataca, o trigo, a avea, etc., sementados, amontoados, arados, nalgúns casos regados, que producían as leiras co mesmo traballo e, en moitas ocasións, ao pé da casa, sen necesidade de máis ou menos longos percorridos por camiños e corredoiras angostas, axuda de familiares e veciños e moitas horas de labor. Non se acadaba o rendemento económico necesario na Galicia da posguerra civil e chegou a hora de experimentar coa masiva plantación de eucaliptos e pinos, algo que xa en tempos moi anteriores tentaron facer os devanceiros.
Así morreu a Galicia arborícola na que moitos abeiraban soutos, fragas, devesas, que convidaban a explorar un mundo que era un tesouro natural dunha terra que conservaba bosques atlánticos de ribeira considerados os mellor conservados de Europa. Por exemplo, as Fragas do Eume, as de Catasós, Cecebre, Marronda, as faias de Pintinidoira, Fonteformosa, o Bosque Encantado de Aldán, a devesa de Nimo, as reboleiras do Navea, a devesa de Rogueira, o bosque dos Grobos, o boque ae Fervenza, o monte Aloia, o teixadal de Casaio, o bidueiral de Gabí, os soutos de Rozavales e Retorta, ,o sobreiral do Arnego… con fauna rica e variada de especies coma os xabarís, corzos, gatos monteses, armiños e distintas aves rapaces…
É unha realidade tan tanxible como o é a ben tristeira imaxe: non soubemos, ao longo de tantos anos, aproveitar o que a natureza nos ofertaba e plantamos eucaliptos para beneficio exclusivo de empresas que, primeiro na provincia de Pontevedra e, a futuro máis ou menos inmediato, na de Lugo, explotarán as montañas coas industrias eólica e celulosa sen que os cidadáns de Galicia vexan cumorifos os seus soños dunha Galicia verde como a que foi e cuxas expectativas de futuro quedan en que o lume respecte os nosos soños.



