O Concello de Lousame puxo en marcha un programa para fomentar a natalidade e gañar poboación. Baixo o epígrafe Nacín en Lousame, un orgullo que se debe coidar, arrinca con 3 medidas medidas: unha achega de 900 euros por nacemento, o aumento do 33% das achegas á ANPA Alecrín e a posta en marcha dun plan de asesoramento á lactancia.

“Hoxe presentamos un plan innovador e ambicioso que vai poñer en marcha o Concello de Lousame a partir de xaneiro de 2026, pero que tamén é so o comezo, porque temos o obxectivo de que ano a ano se vaia ampliando e implementando novas medidas segundo as partidas económicas das que poidamos dispoñer pero serve como como punto de partida para fomentar a natalidade e conseguir reverter a despoboamento que sufre o rural”. Son palabras do alcalde de Lousame, Esteban Ares García, durante a presentación do primeiro plan de fomento da natalidade do Concello de Lousame.
Cunha media de 15 nacementos nos últimos anos, “un dos primeiros obxectivos do novo Grupo de Goberno e no que levamos traballando estes meses foi a posta en marcha deste plan innovador para fomentar a natalidade, que presentamos no mesmo día no que se van aprobar os Orzamentos de 2026, onde se inclúe a correspondente partida económica para esta iniciativa”, explicou Esteban Ares, quen detallou que este programa inclúe tres liñas de actuación:
1- Todos os nenos e nenas que nazan no municipio a partir do 1 de xaneiro de 2026 recibirán unha axuda económica directa do Concello de Lousame de 900 euros, condicionados a que tanto a crianza como cando menos 1 dos seus proxenitores estea empadroado en Lousame durante os 3 anos que dura a achega, de forma que recibirán 300 euros cada ano. “A decisión de non pedir que os dous proxenitores estean empadroados en Lousame débese á necesidade de incluír a todo tipo de familias: monoparentais, divorcios, separacións…”, puntualizou o alcalde lousamiá.
2- A segunda liña de actuación baséase na idea de que “non queremos axudar só aos nenos que nacen, senón tamén aos que xa están e pensamos que é xusto recoñecer o labor que fai a ANPA Alecrín do CPI Cernadas de Castro e todas as actividades que organiza para os nenos, polo que imos incrementar nun 33% a partida económica para mellorar o seu financiamento e que poidan seguir mellorando as actividades que ofrecen aos nenos e nenas”, detallou Ares García.
3- E a terceira liña será a posta en marcha dun programa de apoio á lactancia materna que será dirixido por Alicia Conde, asesora de lactancia. “Queremos tamén protexer e coidar a esas nais e ofrecerlles este servizo para que se sintan acompañadas e poidan resolver calquera dúbida tanto durante o embarazo como durante os primeiros meses de vida do neno ou nena”, explicou o alcalde lousamiá.
Acompañamento personalizado
A propia Alicia Conde, presente na presentación do programa, explicou que o obxectivo do programa será “ofrecer ás nais toda a información e formas para levar a lactancia da mellor forma posible xa que é un mundo marabilloso pero no que tamén pode haber dor e moita soidade”. Por iso, dende o Concello de Lousame promoverán a posta en marcha de talleres e obradoiros para explicar como actuar nos primeiros días, durante o embarazo ou como compaxinar a incorporación ao traballo coa lactancia. Uns obradoiros que se complementarán con acompañamentos personalizados: “Poder desprazarnos á casa da familia para resolver situacións ou implementar medidas que resolvan as dificultades que poidan xurdir”, sinalou Alicia Conde.
Finalmente, a concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, explicou que “este programa súmase a todos os servizos que temos en Lousame como o Punto de Atención á Infancia, os programas de conciliación familiar, campamentos e todas as actividades que organizamos para a infancia buscando que Lousame sexa un lugar idóneo para vivir”.
Neste sentido, puxo en valor iniciativas como os programas de conciliación Lousame Concilia, tanto durante o curso escolar (para atender ás crianzas antes do inicio das clases) como durante as vacacións escolares (Nadal, Entroido e Verán). A elas engádense os Campamentos de Verán, moi prezados non só en Lousame senón en toda a comarca; e outra serie de actividades, obradoiros e espectáculos infantís que se programan durante todo o ano. Unha programación moi variada que vai dende os espectáculos de maxia do outono ás clases de inglés Leisure activities, impartidas polas voluntarias europeas.



